Ayuntamiento de A Coruña

09/09/2017 | News release | Distributed by Public on 09/09/2017 10:15

O goberno local adxudica as obras de soterramento do tendido eléctrico das vivendas do grupo Santa Cristina, en Palavea, que estarán executadas antes de que finalice o ano

A Concello da Coruña vén de adxudicar as obras que darán pé ao soterramento das liñas eléctricas do grupo de vivendas Santa Cristina, en Palavea, unha actuación cuxo prazo de execución estimado, desde o inicio dos traballos, é de 35 días. A obra, na que se investirán un total de 130.573 euros, será asumida na súa totalidade polo Concello coruñés, xa que a Xunta de Galicia 'optou por non achegar os fondos previstos á rehabilitación do barrio', segundo indica o edil Xiao Varela, e que supoñía o 35% do investimento procedente do Ministerio de Fomento a través das axudas á rehabilitación integral (ARI). 'Estamos a falar dunha obra que responde a unha demanda histórica do barrio, polo que o Concello da Coruña non quedará de brazos cruzados e traballará para acadar unha solución, como é asumir, neste caso, o gasto completo da obra', sinala o responsable municipal. 'Este goberno ten un fondo compromiso coa súa veciñanza, e seguirá traballando, como vén de facer estes dous anos, por e para a cidadanía', di. 'O Concello da Coruña non deixa nin deixará de lado ningún barrio da cidade, como Palavea', expón Varela, que recorda 'o empeño do Concello en dar resposta as históricas demandas deste barrio, que durante anos foron desatendidas, como ás doutras afastadas do centro'.

Os traballos que o executivo coruñés porá en marcha en próximas datas chegan tras un 'proceso complexo', tal e como sinala o titular de Rexeneración Urbana, no que se precisaron informes detallados tanto do Ministerio de Fomento como de Defensa, ademais do traballo en colaboración que se levou a cabo coa empresa Gas Natural Fenosa. 'Unha vez finalicen as actuacións, todo o tendido eléctrico que pendura do grupo de vivendas Santa Cristina por fin quedará baixo terra, tal e como leva anos solicitando a veciñanza', afirma o edil, que recorda outras intervencións que o goberno municipal realizou este ano no núcleo de Palavea --en resposta ás peticións cidadás--, para mellorar a seguridade e a mobilidade peonil así como a calidade e a accesibilidade do espazo público, 'e que foron planificadas desde o pasado mes de xaneiro en estreita interlocución coa veciñanza'.