Ayuntamiento de A Coruña

11/05/2018 | News release | Distributed by Public on 11/05/2018 11:37

O goberno local evidencia, tras pechar compromisos con ADIF, “que se só dependese de Concello e Estado as obras da Intermodal poderían comezar xa en 2019”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este luns, logo da reunión mantida en Madrid con representantes de ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) e a Xunta de Galicia, que 'se o proxecto da Intermodal só dependese do Concello e do Estado, as obras poderían iniciarse xa en 2019'. Na xuntanza, na que ademais do rexedor e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, participaron a presidenta do ente dependente do Ministerio de Fomento, Isabel Pardo de Vera, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, tanto administración local como estatal acadaron 'compromisos formais' para ter rematados contra principio de ano os proxectos das partes que a cada unha lle compete dentro do proxecto global da Estación Intermodal.

Ferreiro, que destacou o alto grao de entendemento con ADIF, lamentou, por contra, a actitude amosada pola Xunta de Galicia. 'Das tres partes reunidas hoxe --e a pesar dos esforzos feitos pola presidenta de ADIF, que tratou en todo momento de que a reunión fose construtiva--, tan só dúas saímos con compromisos marcados. A primeiros de ano, o administrador ferroviario terá listo o proxecto de execución de remodelación da terminal ferroviaria, altura na que nós teremos xa tamén rematado os proxectos básicos necesarios para definir os accesos', manifestou.

Pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana evidenciou a falta de implicación da que fixo gala a Xunta de Galicia durante a xuntanza, na que 'non quixo asumir ningún compromiso para facer avanzar un proxecto fundamental para mellorar a mobilidade dos coruñeses e das coruñesas, a pesar de non mencionar ningún tipo de atranco para facelo'. 'A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non quixo comprometerse a fixar prazos nin tampouco cantidades de investimento, nin os relacionados cos fondos europeos nin cos propios. A delegación da Xunta non fixo máis que evitar que chegásemos a ningún tipo de acordo entre as tres partes: non quixo falar dos prazos de licitación da súa parte, a correspondente á estación de autobuses, tampouco da adopción de trámites de urxencia nin para a licitación deste contrato nin en xeral para a tramitación de todo o proxecto ou as modificacións urbanísticas', resumiu Varela, que recordou que si se chegou a un acordo para que o proxecto global da Intermodal de Ourense se tramite de acordo á lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

O edil censurou a actitude 'tan pouco construtiva' que amosou o Goberno galego durante a reunión, e que enmarcou 'no pouco interese que ten a Xunta para dotar á primeira cidade de Galicia dunha estación Intermodal a través dun proxecto mellorado e que reflicta os acordos xa acadados hai máis dun ano'. 'Non obstante, sorpréndenos o feito de que na reunión de hoxe, e tal e como levamos dicindo no Concello dende hai meses, os e as representantes da Xunta recoñecesen que non é necesario ter asinado un convenio entre as partes para avanzar nos respectivos proxectos de cada administración', comentou. Aínda así, e co ánimo de facer avanzar o proxecto e de evitar que a Xunta siga a poñer 'escusas' para 'branquear a súa falla de vontade política', o Concello fíxolle chegar a todas as partes a semana pasada un borrador de convenio.