Ayuntamiento de Ourense

05/31/2017 | News release | Distributed by Public on 06/01/2017 02:18

As Festas de Ourense concentrarán 21 concertos en nove días

O Concello de Ourense presentou a programación de concertos das Festas de Ourense, unha carteleira na que se conxugan diferentes estilos musicais, artistas e sensibilidades.

Os vinteún concertos programados nos 9 días de Festas de Ourense son todos gratuitos, salvo o de Sweet California. Este grupo punteiro entre o público xuvenil actuará no Xardín do Posío o 30 de xuño e o prezo da entrada é de 5€ en venta anticipada e 7€ en taquilla... un prezo moito máis asequible que noutras capitais, onde os prezos superan os 20 euros de media.

O resto de concertos serán na Praza Maior e nas prazas de San Martiño e do Ferro.

Praza Maior

Comezando polos da Praza Maior, que serán todos ás 22.30 horas, abrirá as festas o día 24 de xuño, Iván Ferreiro. 'Coido que pouco hai que dicir sobre o que fora líder de Los Piratas, a tenor da gran expectación que está a levantar o seu concerto na nosa cidade', sinalou o alcalde, Jesús Vázquez, quen relatou toda a programación.

Ao día seguinte (25 de xuño), serán Los Puntos, grupo pop moi célebre dos 70, os encargados de amenizar a noite.

O día 26 de xuño, La Edad de Oro del Pop Español, sen dúbida unha cita na que moitos corearemos os grandes himnos da música pop deste país.

A Praza Maior entonará 'Un rayo de sol' ao compás de Los Diablos, que serán os cabezas de cartel da xornada do 27 de xuño.

Ao día seguinte, o 28 de xuño, será unha velada adicada ao rock con The Blind Crows e Burning.

O xoves 29 de xuño será o turno para Caxade, Orquestrada e Sonoro Maxín, bandas imprescindibles no panorama galego.

O 30 de xuño. O grupo pop galego Esposa teloneará á banda indie rock León Benavente.

E o día 1 de xullo, a música electrónica chegará da man do ourensán Jonathan Míguez Vázquez, máis coñecido como 'John Axiom Band' e Carlos Jean.

Praza de San Martiño

Na Praza de San Martiño haberá música tamén a esgalla, sempre ás 20:00 horas: Comezará o 25 de xuño coa Coral de Ruada e a colaboración de Toxos e Froles de Ferrol e Abertal da Rúa.

Ao día seguinte, concerto e poesía da man de Cinta Adhesiva.

As versións de grandes éxitos correrán a cargo de Tonichi e Pacheco o día 27.

As voces de Xestreu amenizarán a Praza de San Martiño o día 28 e, ao día seguinte, tocaralle o turno ao Pop Rock The Shivas.

O día 30 o flamenco terá o seu protagonismo da man de Diego Pacheco 'Mesteño'.

E, finalmente culminarán estes concertos De Vacas coas súas versións de grandes éxitos, o día 1 de xullo.

Praza do Ferro

O terceiro enclave 'musical' das Festas de Ourense será a Praza do Ferro, onde todos os concertos serán ás 21:00 horas. Comezará Bifannah, grupo con integrantes de Reino Unido, Barcelona e Galicia, co seu pop rock o día 28 de xuño.

Ao día seguinte, será o turno do rock de Tractor Troy.

O 30 de xuño Pardo fará as delicias dos amantes do pop-rock, mismo estilo de The Wallas, que culminará esta serie de concertos o día 1 de xullo.

Elección de cartel das Festas

'Tal e como explicou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, hoxe damos o avance do que será a música nas festas. E, por certo, está en marcha o proceso participativo para escoller o cartel das Festas, na páxina web ourensecultura.com, tal e como fixemos o ano pasado para que a imaxe representativa dos nosos festexos sexa o reflexo das preferencias dos ourensáns que voten a golpe de click. Pero haberá moito máis nestes nove días nos que Ourense amosará o mellor de sí para se converter no destino ideal para disfrutar dunhas Festas de rúa e pensadas para toda a familia', concluiu o alcalde, Jesús Vázquez.