Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2018 | News release | Distributed by Public on 11/30/2018 11:21

A Xunta de goberno local dá o visto bo á licenza para a construción do CEIP de Novo Mesoiro nun ano no que o Concello leva tramitado máis de 900 destes títulos urbanísticos

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu conta esta mañá dos asuntos máis relevantes aprobados pola Xunta de Goberno Local, dos que salientou a licenza urbanística concedida para a construción dun centro escolar no barrio de Novo Mesoiro e a reforma dun hotel en Zalaeta, solicitudes que teñen un valor de máis de 4,6 millóns de euros de orzamento de execución material. Ferreiro indicou que se trata de 'dúas licenzas relevantes para a cidade' tanto no eido dos servizos públicos para un barrio con moita poboación nova como é Novo Mesoiro, como para o impulso ao sector hoteleiro da cidade. A Xunta de Goberno Local concedeu a licenza solicitada pola Consellería de Educación do goberno galego para a construción do demandado CEIP de Novo Mesoiro, do que Ferreiro resaltou que é tamén posible grazas á cesión que o Concello fixo dun terreo municipal sito na rúa Fragas do Eume. O orzamento autorizado é de 3,1 millóns de euros, tendo que iniciarse as obras antes de 6 meses e tendo de prazo outros 18 meses para a súa execución. No caso da licenza de reforma do edificio da antiga sede de Red Eléctrica situado en Zalaeta, o alcalde apuntou que acollerá un hotel de 4 estrelas para o que a empresa promotora contempla un orzamento de 1,4 millóns de euros. O prazo para iniciar as obras é de 6 meses, mentres que o período de execución é dun ano.

Ferreiro enmarcou a tramitación destas dúas licenzas na actividade dilixente da Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda que leva tramitado máis de 900 licenzas urbanísticas no que vai de ano. O edil responsable do departamento, Xiao Varela, informou hoxe á Xunta do Goberno Local da tramitación de 190 expedientes na última quincena. Así, entre o 14 e o 26 de novembro resolvéronse 40 licenzas urbanísticas, 83 comunicacións previas ao inicio de obras, 35 comunicacións previas ao inicio de actividade e 14 declaracións responsables.

Dentro dos asuntos tratados na xunta de goberno, Ferreiro abordou tamén o visto bo á expropiación dunha parcela de 2.439,91 metros cadrados entre as rúas José María Hernansáez e a avenida da Concordia, 'unha noticia esperada polo barrio, que nos vai a permitir construír un espazo público que leva demandando moito tempo a asociación veciñal do Castrillón e o barrio'. 'Con esta expropiación imos poder actuar nesta zona e facer un lugar de esparexemento para os nenos e as nenas, con zonas de xogos infantís, biosaudables e quizais algún pequeno quiosco para o subministro de bebidas, nun barrio que non está moi sobrado de espazo libre', manifestou. O Concello prevé tamén para esta actuación a posibilidade de permitir un paso peonil, accesible, entre a avenida da Concordia e a rúa Jose María Hernánsaez, para facilitar a mobilidade no barrio. O importe da expropiación ascende a 573.378 euros.

O alcalde deu conta doutros dos acordos relevantes da área de Rexeneración Urbana, como o outorgamento dunha concesión demanial a unha das cooperativas do Ofimático xa edificadas para a ocupación dunha superficie de dominio público local que non se correspondía ao proxecto presentado, de xeito que a cooperativa poida legalizar unha rampla de acceso ao edificio a través dun garaxe. Este é un paso preciso para que o goberno local poida outorgar a licenza de primeira ocupación a este inmoble, unha vez conte cos subministros necesarios e teña todos os trámites en regra, como lembrou o alcalde. O segundo destes asuntos permitiu dar luz verde a dúas subvencións que superan os 100.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética en dous inmobles: un na rúa Pablo Picasso (por importe de 126.761 euros) e outra en Durmideiras (por 117.998 euros). O rexedor informou que estas subvencións están dentro de convocatoria municipal de axudas á rehabilitación de vivenda do plan A Coruña Rehabilita, ás que se destina este ano 2.650.000 euros, e que se dirixen tanto a persoas propietarias e ocupantes de vivendas e locais como a comunidades para mellorar a habitabilidade, a accesibilidade e a eficiencia enerxética dos inmobles. A convocatoria deste ano ten como novidade a aplicación da modificación da ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles para o fomento da rehabilitación no ámbito PEPRI e núcleos tradicionais, grazas á cal tamén se introduciron criterios sociais na concesión das axudas, de xeito que as rendas baixas recibirán até un 30% máis de achegas, e o aumento das contías máximas.

Por último, Ferreiro fixo mención da aprobación da ampliación da oferta pública de emprego do Concello, 'que nos vai permitir sacar 12 prazas de nova creación' grazas a que o Goberno local cumpre cos criterios de estabilidade orzamentaria. 'Esta prazas son súmanse ás 42 de acceso libre que aprobamos en xullo e tamén ás 65 de promoción interna que aprobamos hoxe', apuntou o alcalde.