R Cable y Telecomunicaciones Galicia SA

07/02/2018 | News release | Distributed by Public on 07/02/2018 06:51

Xacobo de Toro Caharrón, o profe youtubeiro

Xacobo de Toro Cacharrón (A Coruña, 1977), é profesor de bioloxía e xeoloxía no IES Urbano Lugrís de Malpica. Hai uns meses foi premiado como o quinto mellor profesor de Secundaria de España. Educa e Miac (Maestros Innovadores, Alumnos Competentes) outorgáronlle este premio polo seu xeito diferente de impartir as súas clases de ciencia.

Este coruñés estudou bioloxía na University of York (Toronto) e na Queen's University (Belfast). E antes de chegar a ser profesor, traballou como camareiro, animador sociocultural, divulgador ambiental, asesor educativo, biólogo de empresa e, como non, tamén foi bolseiro na universidade.

Hai uns anos fixo a súa tese doutoral na Universidade da Coruña sobre o e-learning no ensino secundario. E posteriormente foi asesor educativo na Fundación Barrié no ámbito científico-tecnolóxico.

Un profe interactivo

No ano 2007 comezou a súa traxectoria como profesor nos sistema educativo de Galicia, ata o momento leva percorridos 17 centros educativos.

Foi no 2009 cando creou a súa canle de Youtube na que sube as súas leccións, ás veces acompañado doutros colegas de profesión cos que colabora.

O seu obxectivo é expoñer as clases de xeito diferente e así empatizar cos seus alumnos. Xacobo evita empregar o formato de clase maxistral. 'O que lle indico aos meus alumnos é que vexan a clase na miña canle de youtube e despois na clase traballamos de xeito constructivo', comenta o profesor coruñés.

Son moitas as ferramentas de aprendizaxe que emprega, iso si, todas interactivas e os alumnos poden botar man delas dende o seu móbil. A videocreación, a gamificación e o flipped classroom, o club de ciencias ou os desafíos de cuestionarios entre os alumnos converten as súas clases en máis motivadoras e activas.

Os alumnos de Xacobo a comezos de curso descargan unha serie de apps para poder traballar nas clases. Destacan Kahoot, especializada na creación de cuestionarios sobre contidos educativos (está dispoñible para Android e iOS), e Socrative que tamén se basea na creación de cuestionarios e no método de flipped classroom (tamén dispoñible para Android e iOS).

Realidade virtual, vídeos en 'galinglish' e en Lingua de Signos

E por se fose pouco, tamén emprega a realidade virtual nas súas clases. Un dos seus proxectos máis destacados deste curso foi o Areeiro de realidade aumentada.

O pasado ano Xacobo e o IES Urbano Lugrís obtiveron o premio da Plataforma Proyecta por un vídeo semellante ao do Areeiro. Era sobre paisaxes de Galicia en 3D chamado 'Paisaxes vividas'.

A maioría dos seus vídeos están en galego, pero hai algunha excepción na que combina o galego co inglés, 'galinglish', grazas á súa colaboración coa súa prima que vive en Edimburgo.

Deste xeito, os seus contidos poderán chegar a moitos máis alumnos, non só aos galegofalantes.

Aínda que non só os alumnos de secundaria ven os vídeos da canle de Xacobo, a maior parte do seu público ten entre 21 e 30 anos e residen en España. Pero tamén ten seguidores en América do Sur e Filipinas. 'Estes datos son bastante curiosos', apunta o profesor youtubeiro.

Está máis que claro que a paixón de Xacobo é a educación e para el non hai barreiras. Deste xeito, colabora cun grupo de Lingua de Signos para crear vídeos sobre a ciencia para as persoas xordas.

Un currículo de premio

Xacobo non para de traballar: participa como relator en diferentes xornadas, colabora en diferentes proxectos co seu querido compañeiro Xosé Vilas, redacta artigos para revistas educativas e acode a diferentes congresos.

O seu traballo vese reflectido nos premios que leva recibido nestes últimos anos. Un dos máis destacados foi o Premio Europeo de Innovación educativa entregado por Scientix.

Tamén obtivo en varias ocasións premios do certame Youtubeiros, a última vez foi este ano na categoría 'opinarmos'.

Con profesores como Xacobo podes estar seguro de que as novas xeracións estarán máis que preparadas no seu futuro. É que xa se sabe, en Galicia haiche moito talento.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!