Ayuntamiento de A Coruña

12/03/2018 | News release | Distributed by Public on 12/03/2018 13:48

O alcalde salienta o acordo acadado hoxe en París, no Buró Executivo da rede das Cidades Atlánticas, para solicitarlle á Comisión Europea a inclusión do eixe ferroviario[...]

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou hoxe na reunión do buró executivo da rede das Cidades Atlánticas que tivo lugar en París e na que se acordou solicitar á Comisión Europea a inclusión do eixe completo de transporte ferroviario entre A Coruña e Lisboa, engadindo o treito Vigo-Porto, na planificación da Unión Europea para o corredor atlántico, de maneira que poidan acceder tamén á distribución dos fondos correspondentes no vindeiro programa orzamentario do organismo comunitario. Ferreiro deu conta ao término da xuntanza desta decisión, pola que se trasladarán ás institucións europeas as suxestións desta rede de cidades atlánticas para paliar as ausencias detectadas no corredor atlántico, un sentido no que xa se ten pronunciado a Comisión de Transporte do Parlamento europeo. 'A costa atlántica da Península está conectada por unha liña de ferrocarril que, ademais de ter moitas posibilidades para a mellora das relacións nesta parte do mapa, supón tamén unha oportunidade para unir a área atlántica co centro de Europa. Os portos galegos deben ser considerados estratéxicos á hora de definir unha rede europea de mercancías por ferrocarril e así o trasladaremos tamén á Unión Europea, para que Punta Langosteira poida beneficiarse das axudas europeas', manifestou o rexedor. Ademais de Ferreiro, a reunión do buró executivo das Cidades Atlánticas contou coa participación de representantes de Brest, La Rochelle e Viana do Castelo, ademais da presenza da secretaria xeral deste ente supramunicipal, Tamara Espiñeira.

As reclamacións efectuadas polas cidades do Arco Atlántico enmárcanse dentro do proceso de revisión da Rede Transeuropea do Transporte, que ten entre os seus retos a mellora da conectividade das cidades atlánticas. As cidades representadas manifestaron tamén a súa preocupación ante o pouco peso que temas clave da axenda europea --o cambio climático, a intermodalidade ou de desenvolvemento sostible-- teñen no trazado do corredor.

Eixo Atlántico

Por outra parte, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, participou esta mañá, en representación do alcalde, na comisión executiva do Eixo Atlántico, que aprobou unha proposta de orzamento de 4,3 millóns de euros para o vindeiro ano. Foi nunha reunión en Pontevedra, onde se acordou que o 75% do orzamento destinarase ao desenvolvemento de distintos programas, entre eles os Xogos do Eixo, que nesta edición se disputarán en Braga. O presuposto tamén recolle unha partida para a posta en marcha do Plan de Acción da Axenda Urbana, sendo este o primeiro ente transfronteirizo europeo que activa a creación dunha axenda urbana en base aos obxectivos de cohesión e desenvolvemento recomendados polas estratexias europeas.