Ayuntamiento de A Coruña

05/07/2019 | News release | Distributed by Public on 05/07/2019 06:33

O goberno local lamenta que “PP e PSOE volvan unirse de costas aos intereses da cidadanía e paralicen o proceso de municipalización das bibliotecas”

Os votos conxuntos dos grupos municipais de PP e PSOE no consello de administración de Emvsa (Empresa Municipal de Vivenda) tombaron este martes a adaptación dos estatutos deste ente municipal á Lei de Contratos, un trámite necesario para poder abordar o acordo acadado pola Xunta de Goberno Local a pasada semana para a municipalización da rede de bibliotecas. O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, lamentou que 'unha vez máis neste mandato, socialistas e populares se unan de costas á cidade e paralicen un proceso que mellora a eficiencia das bibliotecas da cidade, dá estabilidade ao cadro de persoal e, ademais, aforra ás arcas municipais unha media de 300.000 euros anuais'.

Os votos conxuntos de PP e PSOE e a abstención do BNG evitaron a inclusión na orde do día do consello de administración de Emvsa da modificación dos seus estatutos. O concelleiro manifesta que 'esta forma de actuar non ten sentido, toda vez que a adaptación dos estatutos á Lei de Contratos debe levarse a cabo con ou sen internalización da rede de bibliotecas, xa que é un trámite legal preceptivo'. 'Espero que tanto os grupos que tombaron esta posibilidade, como o que se puxo de perfil, indiquen ante a cidadanía e ante os traballadores e as traballadoras cal foi o motivo que os levou a tomar esta determinación. Esgrimirán moitos argumentos, pero a realidade é que están impedindo que se leve a cabo un proceso que non só estaba pensando para mellorar a calidade da rede de bibliotecas municipais, senón que, ademais, propiciaría a apertura de novos espazos de proximidade', advertiu. 'Os intereses partidistas deberían estar alonxados do dereito da cidadanía ao coñecemento', opinou.

Municipalización

O Goberno local encargou a Emvsa a prestación do servizo da rede de bibliotecas municipais do Centro Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosales e a biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, que ata o momento estaban xestionadas por unha empresa privada. Con esta internalización, que tamén inclúe os servizos de apoio técnico e operativo da rede, o executivo municipal busca reordenar o sistema de bibliotecas para 'mellorar a súa eficiencia, as prestacións que se ofrecen á cidadanía e tamén acometer novos retos como a apertura de novas bibliotecas de proximidade en Novo Mesoiro e Riazor', ao tempo que se reduce o gasto que xenera este servizo para o Concello.

O edil salienta que, 'con este rexeitamento por parte do PP e do PSOE a cumprir co requisito legal de modificar os estatudos de Emvsa, que está puramente baseado nunha estratexia política que non mira polo ben da cidade', aféctase tamén á situación laboral do persoal das bibliotecas. O proceso de internalización iniciado polo goberno local supón a subrogación, nas mesmas condicións salariais, laborais e sociais que tiñan até o momento, dos traballadores e das traballadoras destas bibliotecas para despois realizar, nun marco temporal axeitado e de acordo co informe elaborado pola Asesoría Xurídica Municipal sobre a encomenda, as probas selectivas que resulten necesarias para que os servizos bibliotecarios sexan prestados por empregadas públicas.

O acordo acadado a pasada semana pola Xunta de Goberno local tamén incluía o mandato de que Emvsa dispuxese, anualmente, do crédito preciso para poder levar a cabo esta encarga que ten unha duración inicial de cinco anos, prorrogables. O acordo pasa por que o Concello entregue á empresa pública de vivenda unha cantidade anual de case 2,3 millóns de euros. 'Este proceso suporía un aforro para as arcas municipais de máis de 300.000 euros anuais sobre o crédito reservado para este servizo no proxecto orzamentario para 2019, que ascendía a 2.616.000 euros', salientou Sande.