Results

Ayuntamiento de A Coruña

10/04/2018 | News release | Distributed by Public on 10/04/2018 04:35

Os Locais de Ensaio municipais celebrarán o xoves 11 unha nova edición do Festival Solidario Coruña En Directo

A Sala O Túnel da Coruña acollerá o vindeiro xoves 11 unha nova edición do Festival Solidario Coruña En Directo, a iniciativa musical promovida polas bandas que forman parte dos Locais de Ensaio municipais e cuxos beneficios se destinan a unha entidade social. Con esta cita serán 14 as ocasións nas que se celebre o evento, cuxo formato tamén tenta dar protagonismo a grupos que comezan a dar os primeiros pasos no eido musical, ademais de mostrar o traballo de bandas que comparten cartel con proxectos de longa traxectoria, como sucede no Festival Noroeste.

A sala, situada no recinto do Coliseum, abrirá as súas portas a partires das 19.00 horas para dar paso a diferentes estilos musicais, como o rock, pop, indie, metal hip hop ou música tradicional galega. En total serán cinco horas de concerto nas que participarán 43 mozas e mozos de 10 bandas dos Locais de Ensaio: 011Studios, Chomoloco, Crimson & Clover, Dequenvessendo, Norwaves, Sala 5, Shock, Theta Waves, Tripod3 e Wondermind.

A proposta Coruña en Directo ten un claro carácter solidario, polo que os beneficios que se recaden da cita destinaranse ao Banco de Alimentos Rías Altas. A entrada, como é habitual, será de balde, polo que, para poder acceder á sala, o público deberá achegar algún tipo de alimento non perecedoiro. Nesta ocasión, será necesario depositar, como mínimo, dous litros de leite. Para máis información sobre esta iniciativa, así como sobre os Locais de Ensaio municipais, pódese visitar o blog do programa, http://locaisdensaio.blogspot.com