Ayuntamiento de A Coruña

11/07/2017 | News release | Distributed by Public on 11/07/2017 09:36

A edil de Igualdade e Diversidade presenta no Parlamento Europeo, xunto a representantes municipais de toda Galicia, a campaña 'En negro contra as violencias machistas'

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participou esta mañá en Bruxelas, no Parlamento Europeo, na presentación da campaña En negro contra as violencias machistas, iniciativa da que forma parte o Concello da Coruña xunto a outros 71 municipios de toda Galicia, e que ten como obxectivo concienciar e implicar á cidadanía na loita contra contra esta situación. A acción, que se acompaña desde hai dous anos co tinguido de loito de establecementos e equipamentos públicos nas cidades galegas, trasladouse este martes ás portas da Eurocámara, cuxo acceso cubriuse de negro.

A edil de Igualdade, que participou tanto na proposta no exterior do Parlamento como na presentación ás eurodeputadas e eurodeputados da campaña, destacou que, con esta iniciativa, 'as administracións locais, as máis próximas á cidadanía, queremos trasladar e dar a coñecer este pacto contra as violencias machistas que promovemos desde Galicia para pedir tamén, tanto ás institucións e entidades europeas como súa cidadanía, que se corresponsabilice, e que tome en serio unha loita que nos afecta a todas', explica Fraga. 'Hoxe, en Bruxelas, 72 concellos galegos queremos interpelar ás institucións supramunicipais para que incorporen, como punto central da súa política, a loita contra as violencias machistas', afirmou a edil.

No ano 2015 un 13% das mulleres residentes no Estado, de máis de 16 anos, declararon ter sufrido algún tipo de violencia física ou sexual por parte da súa parella ou ex-parella, e desde o ano 2003, até maio de 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 no Estado. 'Non só compre a posta en marcha e aplicación dun pacto a nivel estatal, senón que as políticas contra as violencias machistas deben situarse no centro da acción de todas as administracións', incidiu Fraga.