Ayuntamiento de A Coruña

09/05/2017 | News release | Distributed by Public on 09/05/2017 11:11

O Concello pon en marcha a liña de axudas para libros de texto e material escolar dos e das cativas de familias en situación de vulnerabilidade

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, visitou esta mañá a Escola Municipal Infantil de Carricanta, que hoxe deu comezo ao curso lectivo. Nese escenario, a concelleira quixo reiterar o compromiso do goberno local co ensino público, e manifestou o empeño do Concello 'en dar, dentro das nosas competencias, todas as facilidades posibles á hora de poder garantir que os e as cativas desta cidade reciben unha educación de calidade, independentemente dos ingresos das súas familias'. Ao respecto, a responsable municipal manifestou que o Concello iniciou xa a tramitación das axudas denominadas 'de emerxencia' destinadas a axudar aos e ás estudantes das unidades familiares con menos recursos para garantir tanto a compra dos libros de texto como o material escolar.

Cameán explicou que o orzamento municipal destinado a axudas con carácter de emerxencia social é de 847.000 euros, cun incremento de máis do 13% en relación aos créditos iniciais previstos. 'Esta partida comprende tamén as axudas que están destinadas á libros de texto e material escolar. A gratuidade dos libros de texto non é total, xa que hai moitos cadernos de traballo ou de lectura, por exemplo, que non son cubertos co sistema de préstamo de libros. Por ese motivo, e porque para nós, a prioridade dun goberno ten que ser esta, aumentamos en 100.000 euros este ano a partida que destinamos a estas axudas. A nosa intención é que ningunha nena nin neno desta cidade queden sen libros cos que poder formarse', comentou a concelleira, que explicou que a tramitación destas axudas faise mediante un programa específico destinado a familias con fillos e fillas en idade lectiva. 'Son as traballadoras municipais as que detectan e tramitan estas axudas, se hai necesidade das mesmas, tanto nos centros cívicos como nas Unidades de Atención Social (UAS)', indicou, par engadir que 'estas axudas se conceden, fundamentalmente, atendendo aos requisitos recollidos na ordenanza reguladora das Axudas Económicas de Emerxencia Social (AES), cuxos requisitos poden consultarse na web municipal de servizos sociais. 'Na actualidade hai xa tramitadas 51 solicitudes de axuda, aínda que prevemos que ao longo do curso esta cifra se irá incrementando', explicou.

Cameán insistiu nos pioneiros programas postos en marcha dende o departamento de Xustiza Social de cara a garantir unha educación de calidade, 'algo que pasa tamén por ofrecer aos e ás rapazas un entorno e situación adecuada para poder formarse'. Nesta liña, o goberno local puxo en marcha xa no ano 2015, cando chegou a María Pita un programa de alimentación a estudantes en períodos non lectivos, destinado a menores de familias en situación de vulnerabilidade. 'Durante este verán 186 menores foron beneficiarios e beneficiarias deste programa que se realizou en coordinación cos Campacoles, os campamentos de verán postos en man polo Concello en colaboración coa Federación de Nais e Pais (FANPA) de cara a fomentar a conciliación', comentou a concelleira, que insistiu na necesidade de, a través de accións coma esta, 'normalizar á atención ás crianzas en situación de vulnerabilidade, apostando por fórmulas que se traducen nunha maior inclusividade'.

Escolas Infantís Municipais

Por outro lado, no marco da súa visita a Carricanta, Cameán quixo destacar as 798 matrículas que se rexistraron este ano na rede de escolas infantís municipais, nas cales o Concello o pasado ano aplicou unha importante redución de tarifas para as familias, incrementando, por contra, o custe por praza que asume a administración local da Coruña e ofrecendo un servizo de maior calidade. 'O dereito á educación é fundamental e debe ser garantido a todas as persoas independentemente da súa condición económica. Parece de sentido común, pero certamente existían na cidade moitas familias que non se podían permitir levar ás súas fillas e fillos ás escolas infantís públicas polo seu custo e agora si que poden facelo', salientou Cameán, que recordou o aumento nun 150% das persoas beneficiarias das tarifas gratuítas.