Ayuntamiento de A Coruña

11/03/2018 | News release | Distributed by Public on 11/03/2018 09:52

A Concellería de Emprego impulsa a contratación de colectivos vulnerables nunha nova edición da xornada de innovación nas políticas de emprego Contrata talento

A Concellería de Emprego e Economía Social celebra o 9 de novembro a terceira edición da xornada de innovación nas políticas locais de emprego Contrata talento, que fomenta 'a contratación responsable e que incida nos colectivos que teñen máis dificultades á hora de acceder ao mercado laboral'. O edil responsable, Alberto Lema, sinala que o evento 'segue a liña das políticas municipais de emprego que buscan estimular a creación de emprego de calidade grazas á aposta por unha economía social e a innovación'. A xornada, que se celebra no Paraninfo da Universidade da Coruña, realízase xunto ás entidades que forman parte do Pacto Local polo Emprego, en concreto, aquelas que conforman a mesa temática de promoción do emprego.

A xornada, que está dirixida a empresas interesadas en mellorar a súa responsabilidade social ao tempo que incrementar a súa competitividade, comezará cunha introdución sobre o Pacto Local polo Emprego como xeito de impulsar unha estratexia dende o ámbito municipal que teña en conta e na que participen ás entidades sociais da cidade. No evento abordaranse tamén os incentivos á contratación de persoas de colectivos vulnerables e a responsabilidade social empresarial dende o ámbito da inserción laboral. Ademais, catro das entidades que participan no Pacto Local polo Emprego --Cáritas, COGAMI, Down Coruña e Fundación Secretariado Xitano-- falarán de experiencias e casos reais nunha mesa redonda.

Pódese atopar máis información sobre o programa e a inscrición na páxina web da Concellería de Emprego e Economía Social: www.coruna.gal/emprego.