Ayuntamiento de A Coruña

10/31/2018 | News release | Distributed by Public on 10/31/2018 07:00

O Concello apoia unha nova edición do Premio Emprende Coruña 2018, que abre hoxe o prazo de presentación de candidaturas

O Pazo de María Pita acolleu esta mañá a presentación do Premio Emprende Coruña 2018, iniciativa impulsada pola Asociación de Jóvenes Empresarios da Provincia da Coruña (AJE Coruña) que conta co apoio do Concello. O responsable da área de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, puxo en valor esta XIX edición da proposta, que recoñece os proxectos máis salientables do tecido empresarial da provincia no presente exercicio, 'así como a valentía de todas aquelas persoas que, no contexto actual, teñen a afouteza e a coraxe para idear un proxecto empresarial, botalo a andar e traballar para a súa consolidación'. A este respecto, o concelleiro destacou a aposta definitiva pola innovación que se está a dar no eido do emprendemento en Galicia. 'Se revisamos a lista dos Premios AJE dos últimos tempos, podemos observar como cada vez este novo tipo de empresariado, que sabe que non existe presente nin futuro sen as TIC, vai cobrando maior protagonismo. Nesa aposta pola innovación, contarán co apoio do Concello da Coruña', apuntou o edil.

O Premio Emprende Coruña 2018, que repartirá máis de 27.000 euros entre os galardóns, abre hoxe o prazo de presentación de candidaturas, que se manterá aberto até o día 29 de novembro. O requisito para poder optar a algúns dos dous premios principais e tres accésit -- Premio Novo Empresario, Premio AJE Junior, Accésit RSC-Vegalsa Eroski, Accésit á creación de emprego Banco Sabadell e Accésit á Innovación-- é que o capital social das empresas candidatas deberá estar participado nun 25% como mínimo por persoas físicas menores de 41 anos. Os galardóns entregaranse nunha gala que terá lugar o 29 de novembro en Fincas Montesqueiro. Para máis información sobre a iniciativa, pódese visitar o web www.ajecoruna.com