Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2017 | News release | Distributed by Public on 11/30/2017 08:04

O Laboratorio Cidadán abordará este venres o papel das traballadoras do servizo doméstico a través dun parladoiro no que participará a investigadora social Mafe Moscoso

A Concellería de Participación e Innovación Democrática, a través do Laboratorio Cidadán da Coruña, promove mañá, venres, a segunda cita das Conversas para a imaxinación, unha serie de encontros que nace ao abeiro do Co-Lab e que propón achegar á veciñanza o contacto con persoas investigadoras do ámbito da cultura, referentes do mundo académico recoñecidas internacionalmente, e que abordan dun xeito diferente e innovador a cultura e a participación social. Esta segunda conversa, impulsada polo proxecto do Laboratorio Cidadán Gabinete de imaxinación política, contará coa presenza dunha figura clave da investigación social a nivel mundial, como é a ecuatoriana María Fernanda 'Mafe' Moscoso. Doutora en Antropoloxía pola Freie Universität Berlin, Moscoso é unha investigadora independente e transdisciplinar que desenvolve o seu labor entre América Latina e Europa e que forma parte habitualmente de procesos de colaboración e de laboratorios cidadáns. No seu traballo, a investigadora explora o mundo entre o arte, a escritura e a etnografía.

Durante a conversa, que levará por título levará por título Decolonizar a memoria: cos paxaros ou co recordo dos seus paxaros, todos migran, Mafe Moscoso abordará, desde o punto de vista intelectual e científico, o papel subalterno do colectivo de traballadoras do fogar, un colectivo invisibilizado e especialmente precarizado, e que está conformado por mulleres migrantes, principalmente.

A Conversa para a imaxinación con Mafe Moscoso, que dá continuidade á mantida o pasado 17 de novembro con Jaron Rowan, terá lugar este venres 1 de decembro, ás 19.00 horas, na Fundación Luis Seoane. A entrada é libre.

Actividades nas rúas da Agra do Orzán

Ademais desta iniciativa, o Laboratorio Cidadán celebrará este domingo distintas actividades no barrio da Agra do Orzán, co obxectivo de visibilizar dúas das principais problemáticas na zona, tal e como destacan os dous proxectos do Co-Lab participAGRA e Gabinete de Imaxinación Política: a falta de espazos públicos de convivencia e a exclusión e invisibilización de determinados colectivos. Así, este domingo, desde as 11.00 horas, o proxecto participAGRA desenvolverá a súa primeira acción de rúa tras varias xuntanzas mantidas coa veciñanza e axentes da área. Será unha intervención na avenida das Conchiñas que buscará redefinir os usos dos espazos públicos no barrio. Durante varias horas, varias prazas de aparcadoiro serán ocupadas por veciños e veciñas activas, que as transformarán para evidenciar a problemática da falta de áreas e zonas para o común.

Ademais, o propio domingo, desde as 13.00 horas, na rúa Barcelona --fronte ao mercado das Conchiñas--, o proxecto Gabinete de Imaxinación Política sensibilizará á veciñanza sobre a situación do colectivo das persoas do servizo doméstico na Coruña cunha orixinal proposta: unha Pasarela Precaria. Fronte ao mercado das Conchiñas, o proxecto organizará, tal e como sinala o seu equipo promotor, 'un desfile das últimas tendencias precarias que padece este grupo de persoas traballadoras, principalmente mulleres e cunha alta porcentaxe de persoas migrantes'. A acción, deseñada en colaboración coa ONG Ecos do Sur, contará tamén coa participación de Territorio Doméstico, organización estatal de traballadoras do fogar que reivindica a súa dignidade e dereitos laborais. Aquelas persoas que desexen participar nesta Pasarela Precaria, deberán achegarse ás 11.00 horas do mesmo día 3 á sede de Ecos do SUR, situada na rúa Aaiun.