Ayuntamiento de A Coruña

09/10/2017 | News release | Distributed by Public on 09/10/2017 10:24

O Concello promove este curso novos programas baseados no reforzo educativo e a divulgación científica, ademais de mellorar a oferta deportiva e fomentar o idioma galego

A Concellería de Xustiza Social, dirixida por Silvia Cameán, salientou o impulso por parte do goberno local de novos programas de cara ao curso 2017/2018 que favorecen o reforzo educativo, así como potencian as actividades deportivas coa incorporación de novas disciplinas, a divulgación e coñecemento científico e o dominio da lingua galega. Entre as novidades da oferta para este novo exercicio lectivo destaca o programa Poténciate. O mesmo está 'destinado a favorecer o éxito escolar o alumnado, proporciona recursos pedagóxicos de habilidades sociais que favorezan o rendemento escolar', comentou a responsable municipal, que destaca que o programa inclúe actividades de técnicas de estudo, reforzo educativo, habilidades sociais, de convivencia, control de emoción, etc. Dirixido aos e as estudantes de Primaria e ESO de centros públicos municipais, desenvolverase ou ben nas propias escolas ou nos centros cívicos municipais.

A concelleira tamén salientou, entre as novidades da oferta para os e as estudantes de centros públicos, o programa Converxencias Arte e Ciencia, baseado en exposicións e talleres producidos e organizados polo colectivo Igaciencia. 'Neste caso, o obxectivo fundamental da exposición é ilustrar e profundar no diálogo entre a ciencia, a arte e a tecnoloxía. Para explorar esa interacción dinámica seleccionarase obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo, iniciando a viaxe na arte castrexa e rematando con obras de arte dixital 3D', indicou a edil. Neste caso, desenvolveranse do 15 ao 19 de xaneiro de 2018, no Ágora, e estará dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Escola de Arte Superior e Deseño.

Ademais dos novos programas educativos, algúns dos existentes experimentarán cambios, de cara a ser máis efectivos e facilitar a conciliación. É o caso de A Coruña Tardes, que engloba as actividades de ocio educativo e de deportes no propio centro escolar. Cada participante deberá aboar unha cota única de catro euros como seguro de accidentes, excepto no caso dos das bolseiras, ás que lles dará cobertura en todos os programas xestionados pola Federación de Nais e Pais para este curso.

As actividades de ocio educativo, dirixidas a alumnado de Infantil e 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria, contan este ano con novos obradoiros, onde se prioriza a aprendizaxe do idioma galego. Entre eles destaca Eureka, destinado a xogos de lóxica, matemáticas e experimentos científicos; Enxebre de xogos, cancións e bailes tradicionais; Feito a Man, de artesanía creativa con materiais e técnicas atractivas e O Ritmo do Son, de bailes, música e movemento.

Pola súa banda, as actividades de Deportes no Centro continuarán a desenvolverse coa súa perspectiva de clases físico-deportivas en horario extraescolar. As modalidades serán: aeróbic, atletismo, baile moderno, baloncesto, balonmán, capoeira, golf, hockey a patíns, multideporte, patinaxe, predeporte, ritmo, tenis, xadrez, ximnasia rítmica, artística, xogos, xogos rítmicos, populares e alternativos, ademais da introdución de novas disciplinas como voleibol, esgrima e hockey sala para o alumnado de 3º a 6º de Primaria e Educación Secundaria.

Idiomas estranxeiros

Cameán salienta que no actual curso 2017/2018 tamén se manterase o programa Acoreuropa, destinado aos e ás estudantes de Formación Profesional (FP). En concreto, repartiranse 25 bolsas para tituladas de grao medio, e 10 para grao superior. Este programa posibilita que o alumnado poida realizar prácticas de tres meses en empresas europeas de Reino Unido, Irlanda, Italia e Portugal. A concelleira recordou que a intención do goberno local é volver repetir, unha vez acabe o vindeiro curso, os programas de inmersión lingüística Idiomas do Mundo e Junior Year, que este ano ofreceron 80 e 60 bolsas respectivamente.

Cameán recordou que toda a oferta educativa estará publicitada ao completo no denominado Libro Dixital, na web municipal. Na mesma, tamén se dará conta das actividades formativas que, á marxe dos programas educativos, oferta o Concello tanto aos centros públicos como ao estudantado a nivel individual, como é o caso das actividades levadas a cabo dende o Arquivo Municipal, o Centro de Saúde Mental Infantil, a Escola Municipal de Música, e as actividades específicas de centros municipais como Ágora e Fórum.

Balance do verán

Por outro lado, a titular de Xustiza Social destacou a boa acollida que este verán tiveron os programas emprendidos para facilitar a conciliación, como é o caso de Cóxegas, que contou coa participación de 400 alumnos e alumnas e o Campacole, campamentos urbanos nos centros educativos que contaron, a súa vez, con 1.114 inscricións.

A concelleira manifestou que 'toda esta oferta, e toda esta participación só vén a referendar o compromiso de este goberno coa educación pública de calidade, quen ten que dar oportunidades e ten que fomentar a igualdade'. Así, recordou que, o goberno local contou en 2016 cuns datos de execución de programas educativos do 80,7%, fronte ao 55,14% do anterior executivo municipal en 2014.