Ayuntamiento de A Coruña

11/01/2018 | News release | Distributed by Public on 11/01/2018 05:40

O espazo de dinamización xuvenil da Sagrada Familia ofrece este mes de novembro unha programación diversa aberta ao barrio

O punto de encontro para a mocidade da Sagrada Familia conta este mes de novembro cunha nova programación de actividades que abranguerá disciplinas como baile, maxia, origami ou ciencia, entre outras propostas. 'Son as propias usuarias e usuarios do espazo as que, acompañadas polo equipo de dinamización do espazo, co-deseñan e levan a cabo as súas actividades. Son protagonistas tanto das súas accións como da toma de decisións das mesmas', apunta a concelleira Claudia Delso.

O espazo, posto en marcha como proxecto piloto pola Concellería de Participación e Innovación Democrática o curso pasado, naceu co obxectivo de facilitar un punto de encontro aberto á xuventude de barrio e de ofrecer ferramentas 'que lles permitan gañar autonomía persoal', segundo sinala Delso. Situado no cuarto andar do centro social da Sagrada Familia, o espazo abre todas as tardes de martes a domingo, en horario de 17.00 a 21.00 horas. Os venres e sábados, días nos que se desenvolven os obradoiros, o punto de encontro amplía o seu horario de apertura até as 23.00 horas. Como pon de relevo a concelleira, ao cabo do mes, este espazo de referencia para a xuventude do barrio estará aberto durante 122 horas, 'ofrecendo unha alternativa real de lecer para as mozas e mozos da Sagrada Familia'.

O mes de novembro arrincará cunha asemblea, que se realiza habitualmente dous xoves ao mes e que supón unha xuntanza na que as usuarias e usuarios deciden de maneira colectiva as actividades que se realizan no espazo. O primeiro obradoiro, que terá lugar mañá, venres, será sobre maxia, e partirá da idea de fomentar da autoestima da mocidade mediante a adquisición de novas habilidades. Na seguinte semana, o xoves 8 realizarán unha saída á biblioteca do barrio para bailar Beatbox, mentres que o venres 8 fomentarán a práctica de actividades en grupo e a competitivade sa mediante un torneo de Xbox. Xa o sábado 10, ao igual que o sábado 24, contarán cunha nova edición dos obradoiros de Henna, unha iniciativa moi demandada polo grupo e que lles permite empregar este pigmento para a creación de debuxos corporais temporais. Os últimos tres obradoiros do mes, que se celebrarán os días 16, 23 e 30, estarán vinculados á ciencia --no que se procurará estimular as inquedanzas do grupo e fomentar o seu interese polo coñecemento a través de pequeno experimentos--, Slime --no que desenvolverán actividades artísticas en equipo--, e de Origami --no que se achegarán ao mundo da papiroflexia--. Para máis información sobre o punto de encontro da mocidade na Sagrada Familia, pódese visitar o web municipal www.coruna.gal/participacion/gl/mocidade/mocidade-sf