Ayuntamiento de A Coruña

11/29/2017 | News release | Distributed by Public on 11/29/2017 12:34

As praceiras e praceiros da cidade acenderán o vindeiro 5 de decembro o alumeado de Nadal nun acto que terá lugar na Mariña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou este mércores que será unha representación de praceiras e praceiros dos mercados da cidade a encargada de acender este ano o alumeado de Nadal, nun acto que se celebrará o vindeiro 5 de decembro, coincidindo co inicio da ponte, na Mariña, e no que estará presente o propio rexedor e os demais membros do equipo de goberno, xunto con representantes do resto da corporación municipal. O primeiro edil sinalou que a elección 'continúa coa tradición destes últimos anos de implicar a colectivos representativos da cidade, como foron as xogadoras do Hockey Club Liceo o ano pasado ou as integrantes do equipo feminino do CRAT, e que neste caso mantense con outra actividade moi importante na Coruña'.

Do mesmo xeito, o rexedor confirmou as figuras que este ano se incorporan ao belén municipal, cuxa montaxe xa comezou no pazo de María Pita, e que se inaugurará o día 15. Serán Marcela e Elisa, 'esas dúas mulleres coruñesas que a principios do século pasado contraeron voda relixiosa, a única voda católica da que se ten constancia entre dúas mulleres, e que son personaxes relevantes do imaxinario popular coruñés que aínda non estaban no belén', sinalou, e vinculou esta novidade coa representación da obra teatral 'Elisa y Marcela', unha comedia musical dedicada á historia das dúas coruñesas, que terá un pase especial gratuíto este sábado (20.30 horas) no Teatro Colón a iniciativa do Concello. As entradas, de balde, poden retirarse na web de ataquilla.com ou na billeteira do propio Colón.

Seca

Preguntado polos medios sobre o transvase provisional de auga desde a lagoa das Encrobas ao río Barcés ante a situación de seca, o alcalde confirmou que o proxecto, 'que permitirá manter o nivel do encoro de Cecebre para evitar problemas de abastecemento da poboación', está agora mesmo en estudo e planificación. 'Aínda que se trata dunha medida provisional, é unha actuación que reviste unha certa complexidade técnica, pero a cuestión xa está en marcha e existe coordinación entre Emalcsa e Augas de Galicia, de xeito que, en canto a previsión, probablemente somos o lugar de Galicia en mellor situación', indicou Ferreiro, quen recordou as medidas que xa se están a aplicar para reducir o consumo de auga na cidade, como nos regos de parques e xardíns ou na limpeza con auga nas rúas, e co apagado das fontes ornamentais. 'Se en Galicia tradicionalmente entendiamos que a auga era un ben practicamente infinito, temos que empezar a concienciarnos e a pensar doutro xeito, dentro da normalidade, que é un recurso escaso e hai que ter toda a prudencia no consumo', advertiu.

Tamén a preguntas dos medios de comunicación, Ferreiro reafirmou a boa recepción que está a ter o proceso participativo iniciado dentro do proceso de constitución da área metropolitana da Coruña. 'A área metropolitana é necesaria para resolver os problemas e dar servizos á veciñanza e planificar o futuro á escala que corresponde. Este proceso amosa que os problemas e desafíos de cada un dos concellos que estamos implicados só poden afrontarse a unha escala metropolitana; nin o emprego, nin a ordenación do territorio ou a mobilidade poden resolverse doutro xeito. E se temos que tomar decisións a escala metropolitana e temos que enfrontar desafíos económicos, sociais ou ambientais a escala metropolitana, necesitamos unha institucionalidade metropolitana, algo que todo o mundo está entendendo así, sen atallos ou curvas noutros ámbitos', valorou o primeiro edil.