Ayuntamiento de A Coruña

08/03/2018 | News release | Distributed by Public on 08/03/2018 05:52

O Pleno valida unha modificación orzamentaria de 246.000 euros para as axudas de emerxencia social, que eleva este gasto nun 30%, ata acadar o millón de euros

O Pleno municipal, reunido este venres en sesión extraordinaria, aprobou de forma inicial un expediente modificativo dos orzamentos da cidade que permitirá destinar 246.000 euros procedentes de partidas que non se gastaron a axudas de emerxencia social, co obxectivo de dar maior cobertura ás peticións que recibe o Goberno local, así como manter a liña de atención que converte A Coruña 'na cidade que máis inviste no social de toda Galicia', tal e como recalcou a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán. O modificativo, que foi aprobado con unanimidade polo Pleno, supón elevar a partida de gasto en emerxencia social nun 30%, ata os 1.050.000 euros, apuntou a edil.

Para incrementar esta partida, o grupo de goberno presentou ante o Pleno municipal a baixa, xa aprobada en Xunta de Goberno local, de dúas partidas que non eran xa precisas no seu destino inicial. Así, anuláronse 150.000 euros que proveñen do aforro que obtén o Concello debido á sentenza que confirma a redución no pago que a cidade realiza á empresa concesionaria da planta de Nostián polo transporte e tratamento dos rexeites dos residuos. Os 96.000 euros restantes proveñen do aforro que se produciu na execución da obra de acondicionamento e reurbanización da praza de Recife. Con esta modificación de crédito, o Goberno local incrementa o orzamento dispoñible nun ámbito no que as axudas crecen cada ano. Neste sentido, a edil Silvia Cameán explicou que a Concellería de Xustiza Social e Coidados aumenta exercicio a exercicio o seu orzamento en torno ao 10% e concede cada ano máis axudas de emerxencia social, que pasaron de 2.071 en 2016 a 2.307 no 2017, mentres que no que vai de ano xa se outorgaron 1.430.

Cameán enmarcou este aumento na reordenación do servizo de asistencia social municipal, no que se implementaron unidades de atención inmediata 'que permiten atender no día e dar máis axudas, máis rápido e mellor'. É dicir, 'dar unha maior cobertura', puntualizou. Unha reformulación do sistema que, lembrou, se completará no mes de setembro cando se poña en marcha, o día 17, a descentralización dos servizos sociais nos barrios, que contarán con cinco equipos completos de atención nos centros cívicos de San Diego, Os Mallos, Monte Alto, Labañou e Elviña. 'Temos un concello de excelencia social, porque a nosa cidade é a cidade que máis inviste no social de toda Galicia, con 105,9 euros por habitante, en comparación cos 64 de Vigo ou os 54 de Pontevedra', afirmou Cameán. A edil salientou que o incremento orzamentario nesta área tradúcese en 'feitos e accións fundamentais para transformar a realidade e mellorar a vida das persoas'. Nesta liña de acción, a responsable de Xustiza Social salientou algunhas das medidas do Goberno local nesta área, na que incrementou as becas comedor nun 57% e puxo en marcha a Renda Social Municipal, un programa que cobre as necesidades básicas de 293 familias e do que se leva executado o 50% do orzamento este ano, o centro Abeiro de baixa esixencia, o programa de Educación en rúa que traballa con 109 persoas menores ou a posta en marcha da iniciativa a Flote, que concedeu o ano pasado 197 axudas. 'Temos demostradas cales son as nosas prioridades e imos seguir traballando para amosar que a nosa cidade é de excelencia social', rematou.

Recoñecementos extraxudiciais

A reunión extraordinaria do Pleno deste venres serviu tamén para dar luz verde ao recoñecemento de obrigas por valor de 1.327.183,64 euros, procedentes do exercicio pasado, entre as que destaca a relativa ao servizo de recollida do lixo correspondente a decembro do pasado ano por un importe de 848.236 euros. O Concello acóllese a esta fórmula de pago xustificada polo inicio da licitación do servizo de recollida do lixo, un contrato que levaba 50 anos sen renovarse e que, tras un proceso longo de redacción duns pregos que actualicen o servizo ás necesidades actuais e a súa consulta pública, saíu xa a licitación. Esta cuestión foi levada a Pleno no pasado mes de maio e entón foi rexeitada polos votos en contra do PP e do PSOE, grupo municipal que indicou que non cambiaría o sentido do seu voto ata a licitación do novo contrato do servizo de recollida do lixo. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, defendeu no Pleno a revogación dese acordo plenario para permitir o pago desta e outras facturas do pasado. O acordo foi aprobado cos votos favorables do grupo que sustenta o Goberno local, a abstención do PSOE e o BNG e en contra do PP.

A concelleira de Facenda lembrou que este pago, sobre o que o interventor municipal 'non alertaba de ningún problema', 'segue os mesmos trámites que outros recoñecementos efectuados en anos anteriores' e non se trata de 'facturas ilegais ou gardadas nun caixón', senón do aboamento dun servizo xa realizado. Vieito explicou que a situación de bloqueo pon nunha situación 'desfavorable aos provedores que realizaron as prestación e presentaron as facturas', coas repercusións que pode supoñer tanto para os e as traballadoras das empresas como para o Concello, ao que ter esas facturas sen pagar é 'un suposto claro' de enriquecemento inxusto e tamén o aboca a un incumprimento do período medio de pago.

Vieito lembrou tamén que este mecanismo administrativo, o do recoñecemento, 'é exactamente o mesmo que se empregou xa en todos os mandatos anteriores' e citou como exemplo o ano 2011, no que o Goberno local levou a Pleno recoñecementos extraxudiciais por valor de 5,2 millóns de euros, así como de 4,7 millóns en 2013 e 3,9 millóns en 2014. 'Pero tamén o goberno anterior do bipartito aprobaba este tipo de expedientes: en 2009 foron 2,3 millóns e en 2010 un total de 2,9 millóns', apuntou.

Ordenanzas

A corporación municipal, reunida no Pleno, deu tamén autorización para a modificación inicial das ordenanzas que regulan a prestación dos servizos de subministro e utilización de auga potable e de depuración e saneamento, así como a modificación de dúas ordenanzas fiscais, a 5 e a 7; uns cambios que, como explicou a concelleira de Facenda, veñen motivados pola necesidade de adaptación das tarifas á nova lei de contratos do sector público. Vieito indicou que só se ve afectada por esta modificación a 'natureza xurídica destes ingresos', polo que non haberá cambios 'nin en importes nin prezos dos servizos', como tampouco na xestión dos pagos e recargos.