Ayuntamiento de A Coruña

11/30/2017 | News release | Distributed by Public on 11/30/2017 04:42

O viveiro municipal de empresas Accede Papagaio acolle o vindeiro luns unha xornada sobre marketing dixital

A Concellería de Emprego e Economía Social, área que dirixe Alberto Lema, organiza o vindeiro luns, 4 de decembro, a xornada Marketing dixital, unha proposta que ten como obxectivo achegar á veciñanza técnicas básicas da mercadotecnia para que poidan implantalas nos seus proxectos ou empresas. Así, durante unha sesión na que se combinarán parladoiros con charla informal, desenvolveranse conceptos relacionados coa transformación dixital, a marca persoal, ferramentas e novas tecnoloxías para o deseño e implementación do marketing así como estratexias prácticas para conseguir máis persoas usuarias e conversións que rematen nunha venda.

A iniciativa, aberta á cidadanía, diríxese especialmente tanto a persoas emprendedoras con proxecto, como a aquelas en fase de procura e maduración, ou a empresas e particulares en xeral. Os relatores convidados serán Iago González, business development manager no Grupo IPglobal, e Francesc Pumarola, digital manager de Hijos de Rivera. Mentres que o primeiro abordará Como reforzar marca e ser as e os primeiros na rede, o segundo afondará nas Claves estratéxicas do marketing dixital. Ao remate dos parladoiros, celebrarase un coloquio coas persoas asistentes para intercambiar impresións, puntos de vista ou problemáticas particulares sobre este eido.

A inscrición, que é de balde, pódese formalizar até o mesmo luns, 4 de decembro, ás 10.00 horas, a través da páxina web municipal de Emprego.