Ayuntamiento de A Coruña

02/17/2017 | News release | Distributed by Public on 02/17/2017 05:43

O Concello formaliza o contrato para o programa de bolsas Junior Year, que permitirá a 60 estudantes cursar primeiro de Bacharelato nos Estados Unidos o ano que vén

A Concellería de Xustiza Social e Coidados, con competencias na área municipal de Educación, vén de formalizar, no día de hoxe, o contrato que permitirá realizar nos cursos 2017/2018 e 2018/2019 o programa municipal A Coruña no mundo. Bolsas de Estudos Junior Year, a través do cal 60 estudantes poderán cada ano realizar nos Estados Unidos o curso equivalente a primeiro de Bacharelato a través desta axuda municipal. Trátase, como fai notar a responsable desta área, a concelleira Silvia Cameán, dun programa de estudos que inclúe dous tipos de axudas económicas, totais para familias cunha renda neta per cápita inferior aos 9.000 euros e parciais para as que superen esa cantidade -variables en función da renda-, e que o Goberno local impulsa 'con criterios de progresividade e desde a perspectiva de que a educación e o coñecemento deben ser entendidas como unha ferramenta que permita compensar as desigualdades, e sen deixar atrás a ninguén por motivo da súa menor capacidade económica'. Deste xeito, as novas bolsas permitirán aos e ás beneficiarias adquirir coñecemento da lingua e a cultura estranxeira mediante un proceso de inmersión lingüística e cultural a través da cobertura dunha serie de servizos, que van desde un curso intensivo de inglés previo, á viaxe, os traslados, e o aloxamento cunha familia de acollida, así como unha axuda ou 'diñeiro de peto', de 100 euros ao mes, para os gastos da ou do alumno. Igualmente, o programa inclúe a praza no high school seleccionado, orientación e asesoramento socio-educativos, e un seguimento, ademais dunha proba acreditativa do nivel académico acadado durante a estadía.

Tal e como salienta a responsable municipal, unha vez asinado o contrato coa empresa gañadora do concurso público, a vindeira semana darase a coñecer a lista das e dos admitidos, para que poidan formalizar a inscrición. Tamén, Cameán pon de relevo o investimento que o Goberno local realiza nesta acción educativa, de 650.000 euros por curso, así como o aumento de prazas respecto ao programa precedente, de Bolsas USA, que pasan de 50 a 60, de cara a permitir que máis rapaces e rapazas poidan formar parte desta experiencia educativa, independentemente da súa capacidade económica. Os requisitos básicos para formar parte do programa pasan por que o ou a estudante estea empadroada na Coruña, curse na actualidade 4º da ESO, e obtivese no curso anterior unha cualificación media de 6,5 ou superior, sen materias suspensas, e de 7 en inglés.