Ayuntamiento de A Coruña

11/10/2017 | News release | Distributed by Public on 11/10/2017 09:23

O Co-Lab participa nun obradoiro internacional no que desenvolverá “unha ferramenta para que a veciñanza poida consultar, de forma accesible, o coñecemento producido nos[...]

O Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, participa nestes días no obradoiro internacional Intelixencia Colectiva para a Democracia, unha actividade á que asisten representantes de laboratorios cidadáns de todo o mundo. A iniciativa, que se celebra desde o día 6 de novembro na sede de MediaLab-Prado, considerado un dos referentes internacionais neste eido, acolle a 10 equipos multidisciplinares que están a traballar no desenvolvemento de diferentes proxectos que melloren a participación cidadá e democracia directa. Entre os prototipos seleccionados pola organización deste obradoiro está docART, 'unha ferramenta para a participación que desenvolve a Forxa, a base fundamental para recoller a documentación das actividades desde o comezo do Laboratorio Cidadán da Coruña', explica a concelleira Claudia Delso.

A Forxa é un repositorio transmedia aberto e de libre uso que incorpora toda a documentación producida durante o proceso de construción colectiva do Co-Lab. 'O docART o que pretende é, precisamente, converter a Forxa nun elemento máis accesible, de modo que a xente que non estea acostumada a traballar con repositorios poida acceder, desde os seus dispositivos habituais, a todo o coñecemento e saber colectivo producido nos laboratorios dun xeito máis sinxelo', explica a edil. Así, durante esta semana, un equipo multidiscilplinar presente no obradoiro desenvolverá a ferramenta docART 'para convertela nun alicerce imprescindible nos laboratorios cidadáns, xa que permitirá documentar todo o proceso, e non só o resultado'. A presentación pública final dos dez proxectos levarase a cabo o día 17 no Teatro Español de Madrid, durante a Conferencia Internacional de Cidades Democráticas na que estará presente a concelleira.

Tal e como destaca Delso, a participación do Laboratorio Cidadán da Coruña nun encontro destas características 'supón unha oportunidade importante para visibilizar e dar a coñecer os proxectos e ferramentas que o Co-Lab está a desenvolver na actualidade, á vez que comparte coñecementos e información con referentes mundiais de laboratorios das súas mesmas características'. Para consultar as iniciativas que está a impulsar esta proposta da Concellería de Participación e Innovación Democrática, pódese visitar o web colab.coruna.gal.