Results

Ayuntamiento de A Coruña

11/04/2018 | News release | Distributed by Public on 11/04/2018 05:57

Xustiza Social activa unha nova edición de Educación na Rúa, programa de prevención de condutas de risco entre a mocidade que multiplica por 15 as súas horas de atención

A Concellería de Xustiza Social e Coidados incrementou de forma notable os recursos destinados ao programa de Educación na Rúa, posto en marcha polo seu departamento a finais do ano pasado e que ten como obxectivo previr condutas de risco que poden derivar en hábitos non saudables para a mocidade, así como evitar conflitos que, por este motivo, se poidan xerar no ámbito comunitario. Está previsto que até o vindeiro mes de xuño, e dentro do programa anual de actividades socioculturais en centros cívicos, 3.332 horas se dediquen a este servizo concreto. Nesta nova edición, as horas de execución do programa destinaranse a tres accións concretas: intervención directa na rúa, talleres socioeducativos e xestión e planificación (de forma que se poida facer unha diagnose e análise da situación, así como valorar os resultados e necesidades do programa). A concelleira do ramo, Silvia Cameán, amosou a súa satisfacción por 'ampliar e mellorar un programa pioneiro que na súa última edición interveu a máis dun cento de persoas e que se desenvolveu ao longo de 60 días nos que se levaron a cabo case 200 horas de actividades en rúa e 30 en centros cívicos'. 'Na primeira edición do programa acadamos unha diagnose da situación e agora pasamos a unha fase de inmersión onde o que queremos é aportar ferramentas para evitar condutas de risco tanto para a mocidade como para a comunidade', comenta.

Segundo comentou a responsable municipal, do total de horas que se adicarán a este programa de atención en rúa, 2.688, máis do 80% do total, serán as reservadas para facer traballo de campo nas tres zonas da cidade onde se leva a cabo de forma directa este programa: Labañou/Os Rosales/Mariñeiros, Monte Alto e Cidade Vella e Monelos/Elviña. 'Desta forma, tres equipos de educadoras sociais traballarán na rúa, todos os días polas tardes, catro horas, en xornadas de mércores a sábado', salientou.

Ademais destas actuacións na propia rúa o programa contempla outras 420 horas, que neste caso se desenvolverán nos centros cívicos e que se empregarán para desenvolver talleres grupais de intervención socioeducativa. 'Estes obradoiros terán como destinatarios a aqueles e aquelas menores coas que se iniciou unha intervención en medio aberto', di Cameán. 'O obxectivo dos mesmos será previr as condutas de risco máis notables que se detecten, así como traballar coa mocidade dende unha perspectiva máis formal, especialmente, con aqueles e aquelas menores coas que se acadou un maior grao de confianza durante o período de traballo en rúa', explica. Estes talleres serán impartidos polo equipo de educación de rúa, aínda que tamén contarán co traballo de profesionais externo especializadas en distintas temáticas como xénero e sexualidade, saúde e consumo ou intelixencia emocional. As 224 horas restantes adicaranse ao traballo de planificación do programa (coordinación, elaboración de memorias, reunións coas direccións dos centros cívicos, etc).

A titular de Xustiza Social salienta a aposta por este programa 'que vén a sumarse a outras moitas medidas postas en marcha neste mandato destinadas á mocidade e, especialmente a aquela que pode estar en risco de exclusión'. Así, destacou o incremento de actividades tanto en centros cívicos como escolares dan man de entidades sociais da cidade para levar a cabo tarefas de prevención e de adopción de hábitos saudables ou o programa Non Pases por un Mal Trago, que busca educar, formar e facer reflexionar a menores que foron sancionados por consumo de alcol, a través da substitución das sancións por esta causa por cursos psicoeducativos.