Ayuntamiento de A Coruña

02/16/2017 | News release | Distributed by Public on 02/16/2017 07:28

O Teatro Rosalía Castro acolle esta fin de semana a estrea de 'Tropical', a nova produción da compañía local Elefante Elegante

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá Tropical, a nova produción da compañía coruñesa Elefante Elegante, cuxa estrea terá lugar esta fin de semana no Teatro Rosalía Castro. O edil lembrou que, á marxe da programación da tempada do Ciclo Principal, presentada o pasado mes de decembro, e que se desenvolverá até o vindeiro 27 de maio, o Goberno local 'apoia puntualmente', dentro do seu compromiso coa visibilización das e dos creadores locais, 'estreas de produción do tecido coruñés e galego' no recinto municipal, 'neste caso, ademais, a dunha compañía asentada, de longa e nutrida traxectoria'. Así, o venres 17 e o sábado 18, ás 20.30 horas, o público coruñés poderá asistir á representación dunha obra, dirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro, 'que xira arredor do concepto da viaxe', sinalou Sande.

O espectáculo, de teatro xestual, narra, desde a ironía e o absurdo, a viaxe de cinco grupos de persoas --turistas, migrantes, refuxiadas, músicas e forzas da orde-- ao bordo do barco Tropical. 'A obra só conta con tres intervencións textuais, que teñen, incluso, unha presenza inferior ao circo, a imaxe ou a danza', explicou Guerreiro, 'xa que preferimos traballar unha linguaxe que sexa universal, que se pode seguir a través do que vai acontecendo, alén do que se vai narrando'. A compañía contou coa colaboración do antropólogo Carlos Diz no asesoramento da peza, 'coa idea de conseguir desenvolver traballo artístico e antropolóxico', explicou Guerreiro. Neste sentido, Diz cualificou de 'innovadora' a incorporación 'da discusión da realidade' ao espectáculo que fai Elegante Elegante, 'nun momento social, histórico e político concreto como o actual, no que a situación convida a experimentar'.

As entradas están á venda no despacho de billetes da praza de Ourense e Ticketea desde 6,50 euros. Coma sempre, todas as persoas posuidoras do abono do Ciclo Principal terán un 25% de desconto na súa entrada. Tamén gozarán de bonificación aquelas que dispoñan de Carné Xove, teñan máis de 65 anos ou se atopen en situación de desemprego.