Ayuntamiento de A Coruña

10/06/2017 | News release | Distributed by Public on 10/06/2017 11:06

O alcalde pon en valor a determinación do Concello “para lograr que o planeamento das Percebeiras sexa máis respectuoso co bordo litoral e acorde a un urbanismo razoable”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, informou este venres do traballo que o Concello está a desenvolver coa comisión xestora do polígono das Percebeiras para acordar que o planeamento nese sector sexa 'máis respectuoso co bordo litoral e acorde cun urbanismo non agresivo, cun volume edificatorio máis razoable e en liña co urbanismo de hoxe en día'. Como fixo notar durante a súa comparecencia posterior á Xunta de goberno local celebrada este venres en sesión ordinaria, o proxecto contemplaba ata tres torres de 16 pisos, 'que xa no seu momento, a Consellería de Medio Ambiente estimou que debía adecuarse aos requirimentos do PXOM -que estipula un máximo de 8 alturas, agás casos excepcionais- e nesa liña van as conversas que se están a levar a cabo cos propietarios do solo para acordar un planeamento adaptado aos tempos actuais'. Ao fío, o rexedor deu conta da declaración de caducidade, validada hoxe pola Xunta de goberno local, do procedemento polo que se tramitaba o plan especial de Labañou, iniciado pola comisión xestora das Percebeiras. A razón formal desta decisión foi, segundo indicou, o vencemento dos prazos sen que a promotora teña presentado a documentación solicitada polo Concello para a continuación da tramitación, pese a terse dado unha prórroga para que puidese cumprimentala. Por outra banda, o rexedor deu conta do informe de licenzas e demais títulos habilitantes que de forma periódica traslada á Xunta de goberno local o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, desde a entrada en vigor, en abril, da delegación da resolución das solicitudes de licenza cuxo orzamento de execución material sexa inferior a 1,2 millóns de euros. Como informou, entre o 20 de setembro e o 3 de outubro foron un total de 185 expedientes xestionados, dos que 34 son licenzas urbanísticas, 86, comunicación previas ao inicio de obras e 65 comunicacións previas ao inicio de actividades ou de apertura de establecementos.

Do mesmo xeito, Ferreiro referiuse á adxudicación do contrato da nova fase das obras de renovación e rehabilitación de firmes da Rolda de Outeiro, que teñen un importe de 386.613 euros e un prazo de execución de cinco meses, e que supoñen a mellora do tramo comprendido entre a avenida do Ferrocarril e a rúa da Merced, 940 metros desta vía, nos dous sentidos de circulación. Como apuntou, estes traballos sumaranse aos de renovación doutro tramo desta vía, entre a avenida de Fisterra até a de Arteixo, adxudicados o pasado mes de setembro, unhas obras que supoñen, en conxunto, un investimento de 626.247 euros, 'unha actuación importante que servirá para deixar esta rúa en condicións, mellorando tanto a vía como a sinalización, pasos peonís e outros servizos'.

Noutro orde de asuntos, o alcalde tamén informou da tramitación anticipada do programa de Talón Restaurante, validada pola Xunta de goberno local desta mañá, para que as persoas perceptoras destas axudas poidan contar cos seus cheques no mes de xaneiro e non vexan a súa prestación alterada polos tempos administrativos. Como recordou, a Concellería de Xustiza Social e Coidados destina 600.000 euros para este programa, que vai dirixido a favorecer a autonomía e envellecemento activo das persoas maiores da cidade, así como o fomento da súa interrelación coa contorna, á vez que garantir unha alimentación equilibrada.

Conde de Fenosa

Por outra banda, e preguntado polos medios na súa comparecencia, o alcalde confirmou que o Concello ten presentado diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un incidente de nulidade do auto de setembro de 2016 polo que o alto tribunal galego rexeitaba o incidente de inexecución á sentenza de 2001, que ordena a demolición do edificio Conde de Fenosa, para pedirlle á sala do contencioso administrativo que entre a valorar a proposta de legalización, mediante demolición parcial, do edificio. 'O que fixemos é pedir á sala que se pronuncie sobre a proposta de demolición parcial que fixo o Concello da Coruña é axeitada ou non para o cumprimento da sentenza, porque no seu momento non entrou a valorar o fondo do asunto, e tampouco o Supremo, porque nós cremos que a nosa proposta, que contempla unha demolición parcial para axustar o inmoble ao planeamento, si é a forma de cumprir a sentenza', explicou.