Ayuntamiento de A Coruña

01/08/2019 | News release | Distributed by Public on 01/08/2019 07:34

O espazo de dinamización xuvenil da Sagrada Familia programa obradoiros, cinefórum, xogos e torneos de videoxogos para o mes de xaneiro

O punto de encontro para a mocidade no barrio da Sagrada Familia inicia as actividades deste ano cunha programación didáctica e de entretemento, que abordará temáticas como o cine, a xardinería, a modelaxe ou os videoxogos. 'Trátase de actividades propostas pola propia mocidade usuaria do espazo, que fai del un espazo autónomo e no que os mozos e as mozas son os protagonistas na definición dun espazo de ocio alternativo', indica a concelleira Claudia Delso, responsable da Concellería de Participación e Innovación Democrática que puxo en marcha este proxecto piloto no ano 2017.

A programación arrincou con dúas propostas de ocio como son os xogos en grupo que se levaron a cabo o pasado día 4 e unha sesión de cine que se proxectou na tarde do día 5. Para esta semana está previsto iniciar as actividades coa asemblea que os mozos e as mozas usuarias realizan habitualmente dous xoves ao mes e que consiste unha xuntanza na que se decide de maneira colectiva os obradoiros e outras accións que se realizan no espazo. A segunda das asembleas terá lugar o xoves 24. O venres 11 haberá un obradoiro sobre xardinería e o sábado 12 un encontro no que realizar tatuaxes de henna, actividade que se repetirá tamén o sábado día 26. Na seguinte semana, o venres 18, haberá un taller sobre modelaxe e, por último, os rapaces e as rapazas poderán medir as súas habilidades cos videoxogos nun torneo de XBOX.

O centro, que está localizado no cuarto andar do centro social da Sagrada Familia, 'naceu dunha necesidade do barrio, da carencia de espazos e proxectos para a xente moza, e converteuse en poucos meses nun punto de encontro e referencia para varios colectivos', explica Delso. O espazo, no que hai persoal de acompañamento para facilitar a realización das actividades, abre durante as tarde de martes a domingo, en horario de 17.00 a 21.00 horas, mentres que os venres e sábados, días nos que se desenvolven os obradoiros, conta cun horario de apertura ampliado ata as 23.00 horas.

Para máis información sobre o punto de encontro da mocidade na Sagrada Familia, pódese visitar o web municipal http://www.coruna.gal/participacion/gl/mocidade/mocidade-sf