Ayuntamiento de Ourense

11/06/2018 | News release | Distributed by Public on 11/06/2018 07:55

O Magosto do Concello, o domingo, no Parque do Barbaña

Coincidindo co día do patrón da cidade, o San Martiño, o Concello celebra unha das festas con maior arraigo popular: o Magosto, declarada de interese turístico de Galicia. Será no centro de Ourense, no Parque do Barbaña, 'para que todas as familias se poidan achegar a celebralo con nós', e contará con todos os ingredientes propios desta data: castañas, chourizos e viño (ou auga).

A fogueira comezará a arder ás 17:00 horas, e só media hora despois comezará a venda de tíckets, a 1 €, para recoller o menú desde as 18:00 horas: cucurucho de castañas, pan con chourizo, e viño ou auga. Haberá tamén obradoiros infantís e animación musical a cargo dos Daniñas, que se encargará de acompañar a xente desde o centro da cidade até o Parque, e pola Agrupación AOFT Gomes Mouro.
En total, a Concellería de Cultura repartirá 2.000 bolos preñados (50 máis para celíacos), 1.000 quilos de castañas asadas, 100 botellas de viño e 1.600 de auga. A zona de cola, para os tíckets, estará cuberta por unha carpa, e haberá valados delimitando a fogueira por motivos de seguridade.
A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, eloxiou o retorno da castaña ao centro do Outono na nosa cidade, e vinculou a festa ao lecer en familia, xa que é unha celebración da Natureza e do traballo na terra.
Outros Magostos
A maiores do Magosto do Concello, o técnico de Cultura, Álex Hermida, lembrou que para solicitar permisos para facer Magostos populares dentro dos límites do Concello de Ourense, haberá que dirixirse á Concellería de Comercio. Se o lugar elixido para a celebración do Magosto é o parque de Montealegre, a solicitude deberá dirixirse á concellería de Medio Ambiente.