Ayuntamiento de A Coruña

02/16/2017 | News release | Distributed by Public on 02/16/2017 12:55

Xiao Varela salienta que as propostas trasladadas a Fomento para Alfonso Molina 'buscan garantir que os proxectos que se fan na cidade teñan a calidade e detalle que esta merece'

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, compareceu este xoves ante os medios de comunicación para detallar as propostas trasladadas esta mesma semana ao Ministerio de Fomento en relación ao proxecto para a remodelación e humanización para a avenida de Alfonso Molina e dar conta dos acordos adoptados no encontro. 'Cando, o ano pasado, acordamos o Plan de Integración con Fomento, entendíamos que era un punto de partida axeitado, que definía o que tiña que ser o trazado da vía, pero que era necesario detallalo', expuxo o responsable municipal, que recordou que as propostas remitidas esta semana, contidas no Plan de Urbanidade, para a súa incorporación no Proxecto de Trazado e Expropiación que desenvolver o ministerio a través do Ineco, van nesa liña. 'Desde o primeiro día levamos demandando que o proxecto previsto para a vía non a consolidase como autopista, senón que a convertese nunha avenida, que é o que esa zona da cidade necesita', incidiu, lembrando que a contorna está habitada na actualidade por 24.000 persoas, pero ten unha expectativas de crecemento moito maiores, de ata 40.000 persoas, e conta con 'problemas importantes' de contaminación acústica e atmosférica, e tamén de seguridade viaria. 'Por iso reivindicamos un proxecto máis sensible e máis humano e por iso pedimos poder ter interlocución e carácter técnico, para poder abordar estas cuestións', indicou. 'O que queremos é que os proxectos que se fan na cidade teñan a calidade e o detalle que a cidade merece, non temos vocación algunha de paralizalos', quixo salientar Varela, quen, nese sentido, explicou que o Goberno local considerou procedente presentar as súas propostas neste momento, no que o Proxecto de Trazado aínda se está a elaborar, que en fase de alegacións, 'que é menos produtivo e fai máis engorroso o proceso'. 'Nós mantivemos unha actitude razoable e construtiva na negociación do Plan de Integración, fixemos achegas, pero tamén renuncias, e pretendemos manter ese ton, pero se temos que chegar a facer alegación, faremos as que resulten oportunas', avanzou. A este respecto, o concelleiro lamentou que o contido do comunicado emitido no día de onte polo Ministerio de Fomento en relación ao último encontro co Concello 'non reflicta' o acontecido na reunión, 'na que se escoitaron as nosas demandas e se quedou de valorar aquelas que se consideren axeitadas e na que houbo en todo momento un ton cordial'. Como indicou, a comunicación feita pública desde o ministerio inclúe ademais cuestións, como o tocante ás expropiacións necesarias para desenvolver o proxecto e o seu financiamento, 'que nin sequera foran comunicadas ao Concello, nin moito menos acordadas'.

Tal e como fixo notar o responsable de Rexeneración Urbana esta mañá, as propostas trasladadas polo Goberno local van dirixidas a 'detallar' o Plan de Integración acordado, 'que xa contempla melloras substanciais, desde a redución da velocidade na avenida -a 70 Km por hora no tronco e a 50, nos carrís de servizo-, á saída ao Ofimático ou unha maior permeabilidade a nivel peonil'. 'Pero no que ten que ver coa parte urbana, no Plan quedan pouco definidas cuestións como as sendas, os bordes, porque non se ten en conta a rede xeral ou as necesidades de conexión de barrios como Matogrande coa Universidade, por exemplo, nin tampouco a malla de carrís bici que o Concello ten proxectada actualmente, e segundo o entendemos, tampouco o proxecto de trazado vai chegar a ese nivel de detalle', avaliou. 'O que agora trasladamos son cuestións que desde o Concello cremos que teñen que incorporarse a ese Proxecto de Trazado, pero que non o cambian no substancial, senón que afectan a cuestións como a introdución dunha nova pasarela que sirva para mellorar a rede peonil e conecte mellor os dous lados da avenida, ou o tratamento dos bordes', exemplificou. A este respecto, Varela recordou o compromiso adquirido polos representantes de Fomento no encontro desta semana en Madrid para, antes de sacar o Proxecto de Trazado e Expropiacións a exposición pública nun prazo de dous ou tres meses, manter unha nova xuntanza 'de verificación' co Concello. 'Se non van recoller nada do que lles achegamos, non entendemos que sentido ten esa xuntanza, e tampouco sabemos en que ten previsto Fomento investir os 2,5 millóns de euros que se acordou incorporar para melloras de humanización da vía, de acordo co negociado', observou, indicando que 'o importante agora é que Fomento teña en conta a ubicación definitiva das pasarelas que se propoñen desde o Concello, porque esas si afectan no Proxecto de Trazado'. 'Confiamos en que si se teñan en conta; outra cousa é como se financia, que está por ver. Nós o que expuxemos é que eses 2,5 millóns fosen para este tipo de actuacións', avogou.

De igual xeito, o concelleiro incidiu unha vez máis no 'compromiso explícito' da anterior ministra de Fomento fixo para a construción da pasarela de Pedralonga, formalizado en febreiro do 2016, 'que é unha infraestrutura moi solicitada, lexitimamente, pola veciñanza, polos problemas de seguridade viaria que presenta esa zona'. 'Falouse dun prazo de tres meses e, pasado un ano, non sabemos nada. O que pretendemos é que ese acordo explícito se cumpra e así o trasladamos', reiterou este xoves.