FEGAMP - Federación Galega de Municipios e Provincias

11/25/2023 | News release | Distributed by Public on 11/23/2023 18:27

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 25-N: DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

A liberdade, a seguridade e á integridade, son dereitos inherentes ao ser humano incuestionables e, como tales, non poden limitarse por circunstancias temporais ou espaciais nin tan sequera depender de ningún criterio, moito menos, pola condición de xénero. A violencia contra as mulleres só pode admitir a repulsa como resposta, tanto por parte dos poderes públicos como da sociedade que no seu conxunto debe avanzar con paso firme polo camiño da igualdade. Datas como a de hoxe lémbrannos que poñer fin á violencia contra as mulleres e as súas fillas e fillos; así como aos seus familiares máis achegados é un obxectivo irrenunciable e prioritario. Non podemos esquecer ás vítimas da violencia de xénero ás que asasinaron de xeito inxusto e ás que están a atravesar situacións dramáticas.Segundo os últimos datos oficiais do mes de agosto de 2023 publicados pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, o número de casos de mulleres asasinadas confirmados no conxunto do Estado entre xaneiro e agosto de 2023 ascende a 40 mulleres, deixando 45 orfos. En Galicia, dúas mulleres asasinadas e dous nenos orfos. Malia estes aínda terribles datos, a unidade na loita contra a violencia machista timidamente dá os seus froitos: no segundo trimestre de 2023, os xulgados galegos levan contabilizadas 1.707 denuncias por violencia machista, un 6% menos en relación co período anterior. E a taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000) situouse en 12, a máis baixa do Estado.

Con motivo deste novo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Federación Galega de Municipios e Provincias manifesta a firme convicción e determinación das Entidades Locais galegas para erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas e achegados e achegadas, vítimas todas do machismo. Repudiamos calquera forma de agresión machista tanto no eido persoal como laboral. Dende o municipalismo facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto de institucións como de cidadanía, apostamos pola información e concienciación dos dereitos e ferramentas aplicables para cada situación, facendo o que estea na nosa man tanto no noso espazo como fóra del, para que quen os precise acceda a eles.

Por iso poñemos a disposición e alentamos a facer propio o noso Decálogo Polo bo Trato:

1. Empregamos linguaxe libre de connotacións sexistas.

2. Integramos a perspectiva de xénero nas nosas decisións.

3. Difundimos unha imaxe non sexista da muller.

4. Traballamos a prevención da violencia machista e os valores de igualdade e respecto entre toda a poboación, especialmente a mais nova.

5. Fomentamos a ética e a corresponsabilidade nas tarefas e no coidado, tanto de menores como de persoas dependentes.

6. Identificamos e emendamos as posibles deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita contra a violencia cara ás mulleres.

7. Respectamos a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de oportunidades no cadro de persoal.

8. Promovemos a representación equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos de actuación municipal.

9.Rexeitamos a contratación de actividades nas que se fomente unha imaxe sexista da muller.

10. Prestamos especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade.

Nota: Na redacción do Decálogo participou o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.