Ayuntamiento de A Coruña

09/19/2023 | Press release | Distributed by Public on 09/19/2023 09:07

O Concello iniciou hoxe os traballos para a mellora dos percorridos peonís e creación de áreas verdes na rúa Galileo Galilei, no polígono de Agrela

Cando:

19 de setembro de 2023

Ademais, este luns finalizaron as obras de mellora na contorna da parada de autobús número 481, situada na rúa Newton

O Concello iniciou hoxe os traballos para a mellora dos percorridos peonís e creación de áreas verdes na rúa Galileo Galilei, no polígono de Agrela

Os primeiros traballos de picado na rúa Galileo Galilei comezaron este martes pola mañá

Está previsto delimitar un novo espazo para o estacionamento de vehículos, aproveitando o acceso á calzada dunha pequena parcela sen urbanizar, preto do cruzamento con Severo Ochoa

O Concello da Coruña iniciou este martes as obras para avanzar na mellora dos espazos públicos e as áreas verdes en parte do sector central da rúa Galileo Galilei, no polígono de Agrela.

A intervención, focalizada no acceso á calzada dunha pequena parcela sen urbanizar próxima ao cruzamento entre as rúas Galileo Galilei e Severo Ochoa, inclúe a disposición dun novo treito de beirarrúa, en formigón, que facilitará o acceso peonil ás naves industriais da contorna, mellorando o actual sendeiro de terra que existe actualmente nesta localización. Tamén se delimitará un novo espazo para o estacionamento de vehículos, onde se disporá un pavimento permeable en formato lousa-céspede. En paralelo, aproveitaranse os traballos para crear un pequeno espazo axardinado, que incluirá novas árbores.

Esta iniciativa, que forma parte do amplo abano de medidas melloras na urbanización que o Goberno de Inés Rey está levando a cabo en Agrela xa desde o pasado mandato, coa renovación progresiva dos espazos públicos do polígono, está a ser executada pola empresa López Quinteiro S.L.

Finalizan os traballos na rúa Newton

O Goberno municipal está a intensificar o seu plan de melloras para reurbanizar Agrela, onde tamén avanzan as obras de humanización dunha das principais arterias de circulación da zona, a rúa Severo Ochoa. A intervención, que abrangue unha superficie de 14.696 metros cadrados, ten como principal obxectivo mellorar a accesibilidade ao polígono, centrándose, concretamente, nas rúas Severo Ochoa, Galileo Galilei e a rotonda que conecta coa rúa Newton.

É precisamente nesta última onde o Concello rematou outra intervención de mellora na contorna da parada de autobús número 481. A actuación, que foi financiada con fondos EIDUS, supuxo un investimento de 43.000 euros para dispor novas zonas verdes nun espazo de 88 metros cadrados, onde se plantaron oito árbores. Ademais tamén se habilitou novo mobiliario urbano na contorna da nova parada de autobús, nun espazo de 41 metros cadrados de superficie.