Ayuntamiento de Ourense

07/22/2021 | News release | Distributed by Public on 07/22/2021 05:51

Un estudo socioeconómico para sentar as bases da creación de emprego

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o profesor Andrés Mazaira, presentaron esta mañá o informe socioeconómico para o deseño de estratexias para a creación de emprego no Concello de Ourense, un pormenorizado traballo que analiza todos os indicadores posibles para que axuden a apuntar cara a un modelo de cidade que estea preparado para afrontar os retos máis inmediatos: a organización social logo da Covid, a crecente e imparable dixitalización, o I+D+i, a revolución verde...

O estudo recompila e confronta os datos de Ourense co resto da realidade urbana de Galicia, unha confrontación que presenta datos moi semellantes en todo o territorio. Así, Ourense pode presumir de ter a segunda taxa máis alta de Galicia de poboación entre os 15 e os 39 anos, un dato que garante unha continuidade xeracional moi forte, e unha taxa de autoemprego do 17% do total, só por debaixo de Pontevedra e Santiago, o que reforza a idea de que as axudas municipais aos traballadores autónomos foron de vital importancia.

Porén, o estudo desvela que só o 0,5% das empresas locais teñen 50 ou máis traballadores -o 96% do tecido empresarial correspóndelle ás microempresas-, que o desemprego se concentra na construción, na hostalaría e no comercio, e concentramos a nosa economía en actividades de baixo valor engadido. Isto tradúcese en menores ingresos e menores rendas familiares, se as comparamos con outras cidades de Galicia.

Entre as alarmas que identifica o estudo está a do emprego feminino: as mulleres novas, máis preparadas que nunca, saen da cidade para atopar emprego pero non retornan.

O futuro da cidade. O estudo socioeconómico é pormenorizado até o punto de facer análises por cuadrículas de quilómetro cadrado na cidade, o que permite identificar onde, como, e a quen dirixir os esforzos das políticas municipais. Neste sentido, identifícase o Servizo de Emprego do Concello de Ourense coma unha ferramenta vital para deseñar o futuro da cidade. Isto non se poderá realizar sen a necesaria cooperación coas entidades supramunicipais -con competencias en materia de creación de emprego- ás que poderlles ofrecer as necesidades e particularidades da cidade contidas no estudo.

O traballo, realizado polos profesores Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, membros do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, pódese consultar integramente no seguinte espazo web [ligazón].