Ayuntamiento de A Coruña

09/18/2023 | Press release | Distributed by Public on 09/18/2023 06:17

Finaliza a tempada estival de praias na Coruña, cun balance de 603 incidencias e un descenso no número de actuacións de rescate

Cando:

18 de setembro de 2023

Finaliza a tempada estival de praias na Coruña, cun balance de 603 incidencias e un descenso no número de actuacións de rescate

A caseta de salvamento da praia de Riazor, nunha imaxe de arquivo

A meirande parte das atencións que executou o persoal de socorrismo e salvamento foron por cortes ou picaduras de escarapote

A tempada estival de praias na Coruña finalizou o pasado venres cun balance de 603 incidencias, unha cifra practicamente idéntica á do verán anterior (601), e que reflicte, por outra banda, un descenso no referente ao número de rescates executados polo persoal de salvamento, que levou a cabo un total de 10 operativos (12 menos que no 2022).

A meirande parte das incidencias correspondéronse con cortes. Contabilizáronse un total de 159 (foron 212 no verán de 2022). Ademais, rexistráronse 120 picaduras de escarapote, unha cifra inferior á do ano pasado (130). Destas 120 picaduras, 58 foron en Santo Amaro, e outras 46 tiveron lugar no Orzán - Matadoiro.

O desagregamento de incidencias tamén inclúe, de forma específica, 77 incidencias asociadas a contactos das persoas usuarias con animais mariños como distintas variedades de medusa, detectadas nas augas da Coruña durante o mes de agosto. Todas as incidencias foron casos leves.

A maiores, tamén se rexistraron 65 incidencias en forma de feridas superficiais e outras 28 por traumatismos diversos. Cómpre subliñar, en todo caso, que non se contabilizaron incidencias por paradas cardiorrespiratorias e tampouco por perdas de coñecemento.

Redución da cifra de incidencias na zona de baño do Parrote, aberta no verán de 2022

Indo ao detalle polo miúdo no referente ao desagregamento de incidencias por praias, o persoal de socorrismo rexistrou 167 en Riazor, 151 en Santo Amaro, 141 no Orzán - Matadoiro, 95 en Oza, 35 no areal das Lapas e 14 na zona habilitada para o baño no Parrote.

Neste sentido, e con respecto ao balance do ano pasado, destaca o descenso no número de incidencias correspondentes á zona de baño do Parrote, habilitada polo Concello no verán de 2022. Entón, contabilizáronse 36 incidencias, xeralmente en forma de cortes. Nesta última tempada estival foron 14.

A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, valorou o desempeño dos profesionais do servizo de socorrismo despregado nas praias coruñesas este verán, "polo seu bo facer en termos de vixilancia e prevención, mais tamén no asesoramento ás persoas usuarias e a formación en salvamento orientada aos máis pequenos".

Neste sentido, desde comezos de xullo, o Concello activou, en colaboración coa FESSGA, un plan de actividades formativas en salvamento para nenas e nenos de 4 a 16 anos. As e os socorristas achegaron á rapazada aos procedementos de rescate e a manobras como a técnica de reanimación cardiopulmonar (RCP), esencial en caso de emerxencia.