Ayuntamiento de A Coruña

05/05/2024 | Press release | Distributed by Public on 05/05/2024 09:05

Arredor de 3.000 judokas de toda Galicia participaron hoxe na Coruña no Trofeo Miguelito

Cando:

5 de maio de 2024

Arredor de 3.000 judokas de toda Galicia participaron hoxe na Coruña no Trofeo Miguelito

O Coliseum acolleu hoxe a 36ª edición do Trofeo Miguelito

Inés Rey: "Que o Miguelito sexa un referente do judo a escala galega e nacional non é casualidade. É froito de moitos anos de traballo que foron consolidando a práctica deste deporte na cidade"

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta mañá a 36ª edición do Trofeo Miguelito de Judo, que contou con preto de 3.000 judokas chegados de toda Galicia. O trofeo é un dos eventos deportivos de maior historia na Coruña, referente na promoción do judo e do deporte de base na cidade. "Que o Miguelito sexa un referente do judo a escala galega e nacional non é casualidade. É froito de moitos anos de traballo que foron consolidando a práctica deste deporte na cidade" explicou a rexedora.

Os nenos e nenas encheron o Coliseum para participar sobre o tatami nas diferentes probas organizadas, de acordo coa súa categoría. Centos de familias se achegaron ate a Coruña para presenciar a competición, sendo arredor de 16.000 persoas as que asistiron ás competicións no Coliseum ao longo da xornada. Rey lembrou que o Trofeo Miguelito traspasa as xeracións: "É moi posible que nas gradas esteades nais e pais que xa no seu momento estivéchedes aquí, sobre o tatami do Coliseum, e hoxe asistides a como os vosos fillos seguen o voso camiño" sinalou Rey.

Rey agradeceu a implicación da Federación Galega de Judo para a organización do trofeo Miguelito, así como ás persoas voluntarias que colaboraron nesta xornada deportiva, que tamén incluíu unha exhibición de judo inclusivo na súa programación desta mañá.

A alcaldesa lembrou a Miguel Ángel López Pérez, judoka coruñés que perdeu a vida con 19 anos e que dá nome ao certame posto en marcha no ano 1989, en homenaxe ao deportista e para fomentar a práctica do judo na cidade da Coruña. "Ese é o patrimonio que debemos coidar, en lembranza de Miguel Ángel. E así o seguiremos facendo" concluíu a rexedora, acompañada este domingo polos concelleiros e concelleiras Manuel Vázquez, Nereida Canosa e Diana Cabanas.