Ayuntamiento de A Coruña

03/31/2024 | Press release | Distributed by Public on 03/31/2024 04:24

O Concello completa a primeira fase de construción da nova rede de saneamento do Barrio das Flores

Cando:

31 de marzo de 2024

O Concello completa a primeira fase de construción da nova rede de saneamento do Barrio das Flores

Os últimos traballos leváronse a cabo no cruzamento entre a rolda Camilo José Cela e Salvador de Madariaga

Esta medida, impulsada cun investimento de máis de 220.000 euros, supón un aforro económico para as arcas municipais e tamén en materia enerxética para a EDAR Bens, ao diversificar en orixe o circuíto de augas

O Concello completou esta semana os traballos de construción da nova rede de saneamento no sector noroeste do Barrio das Flores, unha intervención promovida polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de mellorar, ampliar e renovar o circuíto de augas residuais e pluviais da contorna.

Anteriormente, a rede de saneamento do barrio estaba estructurada entre dous colectores principais, de funcionamento unitario, nas caras noroeste e sureste da rolda Camilo José Cela. Estes dous colectores recollían as augas correspondentes a cada unha das vertentes nas que se divide o barrio, a partir da divisoria marcada polo poliduto. Para facer máis eficiente a rede de recollida de augas na conca do Barrio das Flores, o Concello optou por remodelala e ampliala, o que tamén permitirá aliviar a galería de saneamento que atravesa Alfonso Molina.

Os traballos que finalizaron esta semana correspóndese á primeira fase de actuación, centrada na vertente noreste do Barrio das Flores. As obras, que se licitaron o pasado verán, remataron coas últimas melloras previstas entre a avenida Salvador de Madariaga e a parte baixa da rolda Camilo José Cela, onde se creou unha nova rede de saneamento separativa que cruza cara á camara de tranquilización situada baixo o campo de fútbol Víctor Fernández Alonso.

Neste sentido, tras a instalación das novas tubaxes e os traballos de pavimentación posteriores, a inicios desta semana leváronse a cabo as tarefas de pintado de sinalización horizontal nos treitos da calzada afectados polas obras.

Cómpre lembrar que esta medida, impulsada cun investimento de máis de 220.000 euros, tamén supón un aforro económico para as arcas municipais e, en extensión, un aforro enerxético para a EDAR Bens, ao diversificar en orixe o circuíto de augas.

Posteriormente, nunha segunda fase, acometerase a instalación dunha nova rede de saneamento separativa nun treito de 470 metros que, desde o sector superior da rúa Camilo José Cela, irá baixo o carril de subida da mesma ata chegar ao pozo onde se está completar a primeira fase, no cruzamento con Salvador de Madariaga.