Ayuntamiento de A Coruña

02/25/2024 | Press release | Distributed by Public on 02/25/2024 04:09

O Concello ultima os traballos da primeira fase de construción da nova rede de saneamento separativa no Barrio das Flores

Cando:

25 de febreiro de 2024

O Concello ultima os traballos da primeira fase de construción da nova rede de saneamento separativa no Barrio das Flores

A través desta actuación, o Goberno de Inés Rey busca remodelar, ampliar e facer máis eficiente a rede de recollida de augas, o que tamén suporá un aforro económico e enerxético para a EDAR Bens

O Concello avanza estes días nos traballos de construción da nova rede de saneamento no sector noroeste do Barrio das Flores, unha intervención promovida polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de mellorar, ampliar e renovar o circuíto de augas residuais e pluviais da contorna.

Ata agora, a rede de saneamento do barrio estaba estructurada entre dous colectores principais, de funcionamento unitario, nas caras noroeste e sureste da rolda Camilo José Cela. Estes dous colectores recollían as augas correspondentes a cada unha das vertentes nas que se divide o barrio, a partir da divisoria marcada polo poliduto. Para facer máis eficiente a rede de recollida de augas na conca do Barrio das Flores, o Concello optou por remodelala e ampliala, o que tamén permitirá aliviar a galería de saneamento que atravesa Alfonso Molina.

Actualmente, estase a traballar na vertente noreste do Barrio das Flores. As obras correspondentes á primeira fase de actuación, que se licitaron o pasado verán, enfilan xa o último terzo da intervención, con melloras entre a avenida Salvador de Madariaga e a parte baixa da rolda Camilo José Cela, onde se está a executar unha nova rede de saneamento separativa que cruza cara á camara de tranquilización situada baixo o campo de fútbol Víctor Fernández Alonso.

A este respecto, os operarios continúan estes días as obras de instalación de colectores nas gabias abertas na contorna do Centro de Día AFACO. A previsión do Concello é que as obras conclúan en aproximadamente mes e medio, cando se instalen as tubaxes e se rematen os traballos de pavimentación posteriores.

Cómpre lembrar que esta medida, impulsada cun investimento de máis de 220.000 euros, tamén suporá un aforro económico para as arcas municipais e, en extensión, un aforro enerxético para a EDAR Bens, ao diversificar en orixe o circuíto de augas.

Posteriormente, nunha segunda fase, acometerase a instalación dunha nova rede de saneamento separativa nun treito de 470 metros que, desde o sector superior da rúa Camilo José Cela, irá baixo o carril de subida da mesma ata chegar ao pozo onde se está completar a primeira fase, no cruzamento con Salvador de Madariaga.