Ayuntamiento de A Coruña

05/05/2024 | Press release | Distributed by Public on 05/05/2024 02:03

O Concello aproba unha achega económica para axudar a financiar as obras de mellora da accesibilidade nun bloque residencial do barrio de Catro Camiños

Cando:

5 de maio de 2024

O Concello aproba unha achega económica para axudar a financiar as obras de mellora da accesibilidade nun bloque residencial do barrio de Catro Camiños

O Concello xa está a conceder e a aboar as axudas para melloras de accesibilidade da convocatoria 2023

As subvencións foron solicitadas polas veciñas e veciños a través da pasada convocatoria municipal de axudas para a conservación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade en edificios de vivendas

O Concello aprobou a concesión e aboamento de axudas para mellorar a accesibilidade no bloque residencial número 21 da rúa Marqués de Amboage, un edificio situado no barrio de Catro Camiños.

Estas axudas solicitáronas as veciñas e veciños a través da pasada convocatoria municipal de subvencións para a conservación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade en edificios de vivendas, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey lles facilita ás e aos propietarios a posta en marcha das obras necesarias para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida desde a vía pública aos seus edificios, así como tamén ás súas vivendas.

O importe subvencionable das obras chega ata o 50% do investimento total a realizar. Desta forma, o Concello contribúe así a facilitar a instalación de ascensores, a creación de ramplas que permitan salvar escaleiras nos portais e, en xeral, a mellora da accesibilidade en áreas comúns. No caso da comunidade de propietarias e propietarios de Marqués de Amboage 21, o Concello achega un total de 25.597 euros para facerlle fronte aos investimentos previstos.

Cómpre lembrar que, xa a semana pasada, o Concello deu luz verde á concesión e pagamento de outras tres axudas deste tipo en dous bloques residenciais dos barrios da Agra do Orzán e o Ensanche. Concretamente, nas rúas Almirante Mourelle, Palomar e Barcelona.

O Goberno de Inés Rey destina 5 millóns de euros á mellora da accesibilidade nos barrios

A finais de decembro aprobáronse os Orzamentos 2024, nos que se destinou unha partida específica de 5 millóns de euros para acometer o Plan de Accesibilidade dos Barrios, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca atender as necesidades específicas de cada distrito da cidade neste eido, atendendo ás posibles melloras de infraestruturas e espazos públicos como as beirarrúas e os pasos peonís.

A isto súmanse, ademais, actuacións urbanísticas cofinanciadas con fondos Next Generation en barrios como Monte Alto e O Castrillón. No primeiro deles, o Concello acometerá os traballos de instalación das novas escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo. As obras adxudicáronse o pasado mes de marzo.

Por outra banda, actualmente están en fase de licitación as obras de instalación dos novos ascensores que conectarán as rúas Pintor Villar Chao e Juan Montes, entre A Gaiteira e O Castrillón, unha intervención que tamén mellorará a accesibilidade nun enclave de forte pendente.