Ayuntamiento de A Coruña

11/04/2023 | Press release | Distributed by Public on 11/04/2023 08:32

Comezan as obras para a mellora da accesibilidade no cruzamento entre as rúas Orzán, Fita e Argudín Bolivar, no barrio da Pescaría

Cando:

4 de novembro de 2023

Comezan as obras para a mellora da accesibilidade no cruzamento entre as rúas Orzán, Fita e Argudín Bolivar, no barrio da Pescaría

O plan de traballo, que se levará a cabo nun enclave exposto de forma constante ao tránsito peonil, inclúe a ampliación das beirarrúas e a creación de dúas pequenas áreas axardinadas con novas árbores

O Concello da Coruña, a través da Área de Economía e Planificación Urbana, comezou os traballos para mellorar a accesibilidade no cruzamento entre as rúas Orzán, Fita e Argudín Bolívar.

A intervención, que se está levando a cabo na contorna do nº 32 da rúa Orzán, ten como principal obxectivo o reforzo da seguridade viaria no percorrido peonil que conecta a rúa Cordelaría e as inmediacións da Estreita de San Andrés coa praza Fonte Luisa, unha zona exposta a un elevado tránsito peonil entre os barrios da Pescaría e Zalaeta.

Coa finalidade de calmar o tráfico rodado, acometerase a elevación do paso peonil contiguo á sede da Federación Provincial de APAS dos Centros Públicos da Coruña. Xa a continuación, levaranse a cabo traballos para a humanización dos espazos públicos próximos, coa ampliación das beirarrúas en ambas as marxes da rúa e coa creación dunha pequena superficie verde con arboredo.

A este respecto, e ademais da renovación do pavimento das beirarrúas lindeiras ao cruzamento, disporanse novas baldosas podotáctis nos accesos ao paso peonil, unha superficie en relevo que facilita a orientación das persoas invidentes. No referente ás areas verdes, está previsto que Infraestruturas habilite dúas pequenas zonas axardinadas no acceso da rúa Fita á rúa Orzán, onde se plantarán tres novas árbores.

As obras, cofinanciadas a través do proxecto EidusCoruña

Esta actuación na rúa Orzán forma parte do amplo abano de intervencións que o Goberno de Inés Rey está levando a cabo para mellorar a accesibilidade nos barrios da cidade, con especial atención ao incremento da superficie peonil e os espazos de circulación orientados á mobilidade sostible.

Neste caso específico, os traballos lévanse a cabo ao abeiro do proxecto EidusCoruña, cofinanciado a un 80% con fondos FEDER no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España.

O prazo de execución das obras, promovidas polo Concello por medio do Servizo municipal de Infraestruturas, é de oito semanas.